Asoman unhas raiolas polo horizonte do Xesteiras, quizais un presaxio...
Noto cómo sopla nas Brañas unha brisa lixeira, acariñadora...
Amence o sábado de Antroido, e no graneiro, madrugador coma sempre, dame a benvida o Amigo merlo...
Pero hoxe soa especialmente afinado por algunha razón que descoñezo, unha poesía semella o seu canto :
"Esta lene brisa revitaliza o espíritu,
convida a espreguizarse.
Agárdannos duras e incertas xornadas
até que o sol prenda con forza
e tempere os cadrís,
tollidos pola friaxe..."
Fermoso trino, merliño. De onde saíron os versos...?, xa sei que a música é túa.
Do "VERSO PLURAL", Xaquín. Un pequeno libro de poesías que caeu nas miñas mans onte á noite.
Amigo meu, atópome perdido, non entendo.
Déixame rematar de explicarche, non sexas tan agonías...
Teño un Amigo, JL Graña Muiño, que vive no estranxeiro como soía chamarlle outro vello coñecido, Jacinto Barreiro, á comarca de Ferrol Terra. Coñecino polo Facebook, as redes sociais tamén teñen cousas boas...
Pois ben, José Luis, nacido no pequeno Concello de Cerdido e con pasado no de Rianxo onde foi mestre nos anos oitenta, ten xa varios libros publicados, de diversa índole, teatro, narrativa...Agora deu un paso máis e atreveuse co mundo da poesía. Gustóucheme o pouco que ollei do libro, desprende moita vitalidade...
Non che dixen nada, Amigo Xocas, porque ti xa non estás para que che colla o frío da noite, e a presentación do seu primeiro libro de poemas era onte no Auditorio de Rianxo con lorenzo xa durmindo. O lugar elixeuno o autor aposta, e veuse arroupado por un bo grupo de excompañeiros e Amigos...
O acto presentouno o Sr Alcalde, foron logo Xosé Ricardo Losada e Xosé Manuel Lobato, veteranos nestas lides e xa con sona coa pluma, quenes fixeron unha bonita loubanza do que nos atoparemos no libro...
Pola miña parte era obriga asistir, pois así llo prometera. Charlei co autor antes de entrar, quen tivo a ben firmarme un dos exemplares ao remate de tan emotivo acto...
Pareceume sentilo emocionado, non é para menos o nacimiento dun novo "fillo"...
Non tiven tempo máis que de botarlle unha ollada por enriba mentras escoitaba recitar algún dos versos co acompañamento de fondo dunha guitarra...
Soaban fermosos, enérxicos, imaxinativos, sensibles, saídos de dentro...
O trino que espallaba fai un anaco, póndolle música a un dos poemas, non é mais que o meu desexo de éxito...
Publicar un libro, expresar en papel o xeito de cómo se olla a vida, é sempre unha aventura que paga a pena correr, Xaquín...
Os sentimentos teñen un cheiro especial gravados con tinta...
Parabéns, JL Graña Muiño...!!
O Paraíso existe
Xaquin Miguéns Ces