martes, 25 de febrero de 2025

A CHAVE

 Paseando pola ribeira do Ulla ao solpor, mentras buscaba o merliño, diante do cadro que a Natureza pintaba pampei... Sorría o sol no horizonte cos pinceis, pouco a pouco ían escurecéndose as Brañas dicíndolle adeus, semellaba un prato quedo a auga, dubidaba o río se subir ou baixar... É unha auga galega, polo de agora, dixo unha X...ílgara retranqueira que pasou voando... 

Ante a súa presenza, e o feitizo, pensei se non andaría por alí o merlo tamén, sei que adora os solpores, faría o niño nun arco da vella se poidera, da X...ilgara nada vou a contar... Necesitaba dar co meu Amigo e botar unhas parrafadas, sacar unha conclusión medio intelixente sobre un tema de actualidade que calo de momento... E alí estaba o merliño cantando, moi preto, non podía ser doutro xeito. Na póla dun espido carballo ollaba o embruxo, a Ínsua de Bexo rodeada polos brazos do pai Ulla, coa auga tinguida de amarelo polo eco que reflectían o ceos... O seu trino, encantado pola serpe que observaba, levoume nas alas do vento a onde aniñan as emocións máis fondas... 

Que sería de min sen a maxia do Merlín...ño, que semella en ocasións máis que un merlo un picapaus furándome os miolos, enchéndomos de consellos, e a Alma de anhelos... Correndo ás veces o risco de que nos partan o peteiro abordámolos problemas a peito descuberto, póndolle esparadrapo ás feridas e alas ós soños..

 Ten A CHAVE do candado das dúbidas que a vida plantexa, e sabe ben cómo xirala para pasar de ollar a botella medio valeira, a vela medio chea cánto menos... Disfruto do seu trino, sobre todo nos abrentes e solpores, nada son se non escoito a todas horas o seu apaixonado canto. Querid@ Amig@, tod@s temos un merliño... Non esperes máis para escoitalo...!! 

O Paraíso existe

 

 


                                                Xaquin Miguéns Ces

No hay comentarios:

Publicar un comentario