En termos absolutos, Dieste esaxerou ao comparar o seu Rianxo natal coa Atenas de Pericles. En termos
relativos, teño as miñas dúbidas. Que nun Rianxo no que dous terzos da poboación eran analfabetos, e
no que os mestres ensinaban o catecismo do padre Astete, xurdisen tres personalidades como Castelao,
Dieste e Manoel Antonio, autorizábao a facer esa comparación.
Hai días en que tamén eu teño ganas de esaxerar e dicir que o Rianxo actual é coma Nova York.
Música, escultura, pintura, xadrez, novela, poesía, teatro, remo, piragüismo, kung-fu, culturismo,
televisión... É impresionante a cantidade de artistas e deportistas rianxeiros que están triunfando máis
alá das nosas fronteiras. Tanto, que, nun exceso de chauvinismo, fártome de recordar esa canción que
se está a converter no himno oficioso de Rianxo, Pájaro Pinto, e que fai referencia a unha época de
fartura de xoubas e de euforia na vila: “Para ser bo mariñeiro / hai que nacer en Rianxo, / e comer o pan
de broa / para ter o peito ancho”. O mesmo se podería dicir da fartura de deportistas e artistas actuais.
O outono pasado lin nunha cafetería de Rianxo a noticia de que lle deran o premio Loewe, o máis
importante de poesía en español, a Diego Roel, un escritor arxentino, e pouco despois, Paula, a
camareira, díxome que era curmán seu, que os seus avós naceran en Rianxo, e que a súa bisavoa era
curmán de Castelao. Como tamén me dixo que ía vir a Rianxo en abril, púxenme en contacto con el para
que dese unha charla no instituto. Sorprendeume o interese que tiña en presentar o seu libro en Rianxo.
Ata que me revelou que estivera aquí dúas veces, e que se sentía como na casa. “En la placa que
recuerda a los hijos de Rianxo que murieron en el mar —díxome—, figura mi bisabuelo. Cuando se
celebra O Día das Xentes do Mar dicen su nombre en la misa. Vicente Ordóñez”.
Se Milan Kundera ten razón cando di que é europeo quen sente nostalxia de Europa, Diego Roel é
rianxeiro. E como supoño que comería pouco pan de broa na súa vida, non nos queda outra que pensar
que herdou de seu bisavó un peito ben ancho.
Xosé Ricardo Losada