lunes, 27 de noviembre de 2023

ANXO, ACADÉMICO


Tiven o privilexio de compartir aulas no instituto de Padrón hai case 50 anos con Anxo Angueira, e sei o tempo que leva regando a semente de Rosalía. De feito, cada vez que vexo atracar a súa dorna no peirao de Rianxo, actívanseme no inconsciente estes versos da padronesa: ¡Qué hinchadiña branca vela / antre os millos corre soa / misteriosa pura estrela! / Dille o vento en torno dela: / Palomiña, ¡voa!, ¡voa! 

     Só por iso, xa merecía ser nomeado académico. Pero, máis alá dos seus méritos, neste momento de ledicia compartida, só me apetece dicir algo máis intempestivo: que a nosa relación máis íntima foi no fútbol. Concretamente no C.D. Unión de Asados. E digo íntima porque el xogaba de estremo e eu de ariete, e quen saiba que é un bo centro á area non mo reprochará. 

     E apetecíame dicir algo intempestivo porque Anxo e eu tamén coincidimos nunha profunda admiración por Manoel Antonio. E sabe mellor ca min que o fillo de dona Pura criticaba os académicos da súa época porque vivían pensando que as súas mortes ían ser un dano irreparable para as nosas Letras, cando o único que facían era anquilosalas. 

      Sei que non será o caso de Anxo. Compartín con el moitos anos de campos embarrados de primeira rexional e de chapradas cantando a José Afonso. E como sigo pensando que onde se ven as grandes persoas é nos pequenos detalles, e fóra dos focos (fóra, diriamos hoxe, das redes sociais), non teño ningunha dúbida de que Anxo estará máis preto daquela descrición de si mesmo que facía Manoel Antonio: o home vulgar que non perdeu a súa personalidade, pero capaz, só coa voz, de facernos vivir unha experiencia poética única.   

     Hai pouco Yolanda Castaño dixo que as nenas galegas estaban máis preto de convertérense en escritoras que as murcianas porque a galega era unha das poucas literaturas do mundo que tiña como referente unha muller. Anxo, que como tamén diría Manoel Antonio, ten modelado un amor a imaxe e semellanza desa muller, entra na Academia, e o C.D. Unión, rosaliano como todos os galegos, ponse de festa: Hinchadiña branca vela. Palomiña, voa!, voa!

     

Xosé Ricardo Losada



SOÑA

 Madrugo para ollar o abrente, nunca hai dous iguais,

nen siquera semellantes...

 Mantén o merlo un pulso diario co galo do veciño,

presumido donde os haxa, por ver quen bota a primeira,

e mellor, cantarela...

 Un trino e un quiquiriquí enfrentados nunha pelexa

coas alas abertas, sorrío...

 Non lle fai tanta graza ao resto da aldea, ten unhas

pingas, din aquel@s que xamáis viron o lume ardente

colorear de madrugada o ceo das Brañas mentres soa

unha melodía de ensoño.

Non se fixo a mel para o fuciño do porco, Xocas.

 Nen os arcos da vella, merliño, para quen non soña...

 Son chuches as verbas que saen de dentro ollando

como o sol esperta...

 Ou berros de auxilio de Almas perdidas ardendo no

lume dalgún inferno.

 Quizais ese que agora asoma por enriba do Xesteiras

mentres no Val se escoita "SOÑA"...

 Ao tempo, no graneiro, o merliño canta :

 Non son amenceres, Xaquín...

 Son cóxegas...!!


 O Paraíso existe 



                                                                Xaquin Miguéns Ces

CASTELAO EN GAZA


Nunha crítica do libro de Blanco Amor Los miedos, Juan Marqués relaciona a literatura dalgúns escritores galegos cun único cualificativo. Pardo Bazán é xenerosa, Valle-Inclán tolleito, Fernández Flórez simpático, Torrente astuto, Cunqueiro doce, Cela violento e Castelao cariñoso. 

     Co que menos coincido é co último cualificativo. Aceptando que Castelao era moi benevolente cos seus personaxes, como o era con calquera ser humano, esa visión branda de Castelao non se corresponde coa visión que eu teño da súa obra. El mesmo conta que decidiu converterse nun ventureiro das letras un día de Nadal, ollando unha paisaxe que imitaba un Nacemento, ao decatarse de que eran máis fermosas as flores do campo, que parecían creadas por Brueghel, que as flores dun xardín, máis parecidas aos nus manteigosos de Rubens. E por iso admiraba tanto a Goya, quizais o primeiro pintor en ver nas guerras só vítimas, non heroes. 

     E esa é a clave. Moitas persoas len os relatos e novelas de Castelao, e só ven as flores do xardín cando o que de verdade está describindo son as flores do campo. Que llo pregunten a aquel neno de manteiga, bonito como un caravel, do que fala en Cousas. 

      A nai quería que fose distinto e, na quentura dos agarimos, o neno fíxose mozo, un mozo cheo dunha  bondade e dunha inocencia que mesmo conservou cando entrou no exército. E non só no exército. Tamén na guerra, onde morreu dicindo esa frase, Ai, mi mamaíta, que Castelao cualifica de tremendamente tráxica. De feito, tamén di que a fermosura do neno foi a súa desgraza, e escribe unha frase que, ao meu entender, é puro Castelao: Vestidiño como un príncipe de lenda, tiña un ollar tristeiro de neno medrado en sedas e bicos. 

     Puro Castelao a nivel narrativo, pero tamén biográfico. Visitando París chamoulle a atención un letreiro,  entre un crucifixo e sete bandeiras francesas, que dicía: Lembrádevos dos mortos pola Patria. E preguntouse, segundo di no Diario, se non sería mellor poñer: Rezade polos mortos da guerra. 

     A Patria e os heroes, flores do xardín. A guerra e as vítimas, flores do campo. 


Xosé Ricardo Losada


NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO.!!


  Non es moi fan do Nadal, Xaquín, pero faltouche tempo para pór en valor os millóns de luces que dende onte alumean o ceo de Vigo.

  Merliño, son unhas datas nas que a comida está moi presente, pero nas mesas nótanse en demasía as ausencias...

  Pero non é o Nadal o motivo polo que subo hoxe a imaxe da árbore e a estrela  iluminando a cidade olívica ...

  Só quixera que servira de símbolo e fora a luz que nos guiara as mentes, tan necesitadas nos tempos que corren...

  Amigo merlo, que en pleno século XXI teñamos que celebrar cada 25 de novembro o "Día internacional da violencia de xénero" fala ben ás claras da falta de luces que ten a sociedade na que vivimos.

  Pero non te das conta, Amigo Xocas, que camiñades de volta á prehistoria, cada vez sodes máis cavernícolas, que outra mirada ten senón o de que o fascismo se esté apoderando de novo do mundo...?

  E ben triste que eses involucionistas, negacionistas de todo cánto cheire a progreso, vaian en contínuo aumento...

  A piques estiven de caer da rama, Xaquín, menos mal que teño alas, cando lin que cáseque o 24% dos xóvenes de hoxe en día consideran a violencia de xénero un invento dos progres. Son os mesmos que non consideran violencia darlle unhas labazadas á moza ou controlarlle o teléfono móbil, e que fai catro anos representaban o 12%.

  No que vai de ano foron asasinadas 63 mulleres, 49 o pasado, non hai día libre de agresións na contra delas, físicas e tamén verbais. Merliño, que valores defendemos, cara onde camiñamos...?

  Teñen os mesmos dereitos ca nós, merecen o mesmo respecto, non son pertenzas de ningún cromañón...

  Querémolas libres e vivas, oxalá atopemos esa luz que nos ilumine e nos libre desta lacra, Amigo merlo... 

  NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO.!!

  Xaquín, ou poñedes todo cánto está da vosa parte, ou a volta ás cavernas é unha realidade...

  Palabra de merlo...!!

  

  O Paraíso existe 


                                                                 Xaquin Miguéns Ces

ÁNGEL CAÍDO


No me digas que has llorado cada noche,

sintiendo que se te rompía el pecho,

tú, que nunca creíste en nada,

hoy te sientes un Ángel por derecho.


Las lágrimas derramadas son la prueba,

de lo fácil que es lastimar el alma,

el que te hace daño, es quien más dice quererte,

tú ya vives vestido con una coraza.


Pisando piedras te sientes más fuerte,

aunque tus pies ya no sientan nada,

cada paso te lleva al último destino,

tu cuerpo descansa en esta fría morada.


Dos Ángeles velan tu tumba,

dos Ángeles bañándose en el río,

las margaritas marchitas no deslumbran,

sólo son dos Ángeles caídos.


  Paki Espiño,2023

ALOUMIÑADA



  Aloumiñada polo vento

cando sopla do nordés

ficas agardando tí

por ese amor que non tes


non esquezas, miña rula

que os amores son fugaces

cando amas, él non te ama

cando él te aprecia, ti desprézalo


pasarás día tras día

como a pomba no pombal

hoxe cun galo vermello

é mañán galiño branco


cando ti queres amor

non atopas quen te aprecie

cando che ronda algún home

ti detestas aquel galán


i así pasarás a vida

agardando o príncipe azul

máis recorda miña xoia

só existe en fantasía


ti sigue as túas ideas

ceibe de corazón

na procura de ese amor

quizais...teñas razón!!!

  Miguel Alberto,2023

jueves, 23 de noviembre de 2023

PÍLULAS DE FELICIDADE

 


  Abro ben cedo a fiestra, non fai falla sacar paleta e pincéis, o abrente que ollo é demais...

  Música para os oídos, luz para os ollos a imaxe do Val, e indo un pouco máis alá, poesía para Almas necesitadas de cor e claridade...

  O sol semella, por fin, querer darme unha aperta, aínda que para os beizos sopla un pouco de nordés, máis que frío, acariñador...

  Vitaminas que o astro rei nos trae neste verán de San Martiño tardío, quizais apesadumado por tanta chuvia que consentiu...

  Sabe da necesidade que temos de rexenerarnos se non queremos vernos atropelados pola morriña dun outono chuvioso, e a falta de luz dun inverno por vir...

  Que raro non ollar o merlo, non soe perdoar un amencer así para espallar polas Brañas seu trino engaiolador...

  Quizais madrugou máis ca min e xa fixo os deberes, soe pasar...

  Non esboto que siga no niño, é un pouco frioleiro cando asoma o nordés...

  Pode que se fora de picos pardos e atopara nunha silveira un niño no que durmir, non é moito de fiar...

  Tamén é posible que se enoxara conmigo, onte foi o día da patroa dos músicos, santa Cecilia, el di que é cantante, jajajaja..., e nen unhas pobres verbas tiven a ben escribir, mil perdóns...

  Sexa cal sexa o motivo, espero que non tarde en aparecer e deixarnos seu trino revoando polo Val a tod@s aquel@s que teñan a ben escoitar...

  Necesito oír axiña seu canto, PÍLULAS DE FELICIDADE nun outono no que estiven a piques de afogar.

  Con ou sen merlo, feliz día e bo proveito...!!

  

  O Paraíso existe 



                                                                    Xaquin Miguéns Ces