jueves, 23 de noviembre de 2023

PÍLULAS DE FELICIDADE

 


  Abro ben cedo a fiestra, non fai falla sacar paleta e pincéis, o abrente que ollo é demais...

  Música para os oídos, luz para os ollos a imaxe do Val, e indo un pouco máis alá, poesía para Almas necesitadas de cor e claridade...

  O sol semella, por fin, querer darme unha aperta, aínda que para os beizos sopla un pouco de nordés, máis que frío, acariñador...

  Vitaminas que o astro rei nos trae neste verán de San Martiño tardío, quizais apesadumado por tanta chuvia que consentiu...

  Sabe da necesidade que temos de rexenerarnos se non queremos vernos atropelados pola morriña dun outono chuvioso, e a falta de luz dun inverno por vir...

  Que raro non ollar o merlo, non soe perdoar un amencer así para espallar polas Brañas seu trino engaiolador...

  Quizais madrugou máis ca min e xa fixo os deberes, soe pasar...

  Non esboto que siga no niño, é un pouco frioleiro cando asoma o nordés...

  Pode que se fora de picos pardos e atopara nunha silveira un niño no que durmir, non é moito de fiar...

  Tamén é posible que se enoxara conmigo, onte foi o día da patroa dos músicos, santa Cecilia, el di que é cantante, jajajaja..., e nen unhas pobres verbas tiven a ben escribir, mil perdóns...

  Sexa cal sexa o motivo, espero que non tarde en aparecer e deixarnos seu trino revoando polo Val a tod@s aquel@s que teñan a ben escoitar...

  Necesito oír axiña seu canto, PÍLULAS DE FELICIDADE nun outono no que estiven a piques de afogar.

  Con ou sen merlo, feliz día e bo proveito...!!

  

  O Paraíso existe 



                                                                    Xaquin Miguéns Ces

No hay comentarios:

Publicar un comentario