Semella adormichado o Val no albor deste luns de zapateiros...
Escóitase na lonxanía da fraga o toc toc do páxaro carpinteiro mentras o Ulla, sempre agarimoso coas Brañas, reparte apertas polas ribeiras...
Exerce o espido Meda de testemuña das diferentes tonalidades de verdes e azuis, purificadores de cánto abranguen...
Libres de todo pecado baixan as augas do río, transparentes, un espello no que reflexarnos...
Caladiño, na póla dun bidueiro pampa o merlo Amigo, semella en trance, seu canto non atina a dar comezo...
SORRÍO AXEONLLADO diante do Gran Templo que teño a sorte de estar ollando dende o Regueiro...
Ten a Alma a imperiosa necesidade de escoitar unha música purificadora, é a Natureza a intérprete favorita coa que expiar os pecados...
Fálanlle os ceos envoltos en neboeiros polo abrente...
Cántanlle os piadores nas espadanas das canaveiras no medio día...
Os carrizos e as escribentas dos humedais na media tarde...
Adormécena os arumes da flor dos salgueiros e os bidueiros tralos vermellos solpores...
Espértana nas noites negras o desavegoso berro da curuxa sinistra.
Ten unhas pingas, dirán aquel@s que nin ollan, nin escoitan...
Son algo máis que pingueiras, é o que a Alma vai sentindo alá dentro, e co trino do merlo sae voando...
Sorrisos e Natureza presentes no cadro de cores que ámbolos dous imos pintando...
Hoxe falaron os verdes, grises, ocres, azuis...
Mañá cantarán de novo as Brañas...
Sempre co enigmático sorriso da Alma...!!
O Paraíso existe
Xaquin Miguéns Ces
No hay comentarios:
Publicar un comentario