miércoles, 15 de enero de 2025

NIÑOS DE PÉTALOS DE ROSAS


  Espertei cedo de máis, cáseque me atopo co merlo de volta cara o niño...

  Amornexado polo soniquete da chuvia batendo nos cristais, esperei que o presumido galo de alas vermellas espertara a aldea cun aturuxo para levantarme...

  Saín ao balcón cando xa as nubes tiveran a ben deixar de pingar, pero nada se sabe das Brañas, a duras penas ollo o xardín e a graneira por culpa das brétemas...

  Sentía a imperiosa necesidade de respirar aire puro, de escoitar o trino de merlo que me dixera "estou aquí, Xocas non teñas medo..."

   Necesitaba abrilos ollos e poder seguir soñando, emborracharme dun perfume relaxante, que me envolvera o aroma penetrante dunha rosa...

  Loco por elo, merliño.?

  Tolo, Xaquín, por exceso de cordura en todo caso...

  Por non atreverte a camiñar polo borde do precipicio da beleza por medo a perder pé, ou a cabeza...

  Por non ser quen de abrir as alas ata o ceo onde se atopan as ilusións en NIÑOS DE PÉTALOS DE ROSAS...

  Onde, ao albor do seu arrecendo, bicar uns ollos negros de princesa, e co cicel dos beizos tallar bellos poemas nun espido e sensual corpo de pel canela...

  Enchoupa a Alma do perfume que desprende esa linda rosa vermella...

  Procura, Xaquín, que a teu carón durma a lúa ensoñadora, o demáis sería unha cordura que leva aparellada estar xa morto en vida...

  É iso o que ti queres...?

  Tolo, Xaquín, se non ábrelas alas...!!

  

  O Paraíso existe 



                                                                   Xaquin Miguéns Ces

No hay comentarios:

Publicar un comentario