Amence de novo nas Brañas...Pecho a gaiola dos soños e abro a da Alma, pero a miña mente permanece encerrada entre néboas, merliño, non che escoito cantar.
Xaquín, escóitesme ou non deberías relaxarte, olla como sobre as brétemas, entre os montes Meda e Xesteiras, o astro rei vai coloreando a auga do río e o ceo do Val.
Non podo, larpeiro, semello un métome onde ninguén me chama, así nos vai.
Levántaste co pé cambiado, Xocas. Que che fai pensar así.?
Amigo merlo, por casualidade caeu nas miñas mans o pasado finde a edición do Barbanza da Voz de Galicia, na que Moncho Ares, meus respectos, facía un panexírico sobre as vistas que dende a privilexiada atalaia do pico Muralla podemos disfrutar...
Debería ter un permanente sorriso o monte do Treito, merliño, polo que el di...
Dubido que sexa así, o ser humano, como tantas veces, destruíndo cánto toca coas súas mans con tal de rumbar...
Amigo merlo, cres que por espetar un feixe de ferros cambiaron en algo as marabillosas vistas que levan miles de anos alí..?
Cómo se non houbera bastante cos aeroxeneradores, o que cambiou é unha ringleira de coches monte arriba, destruíndo as pistas e perturbando a apacible vida dos moradores daquel fermoso lugar...
Non aprenderemos máis, quen quixo ollalas dende sempre usou a sola das zapatillas, usar agora a roda dos coches non deixa de ser unha unha nova agresión á Natureza...
Chegan logo os choros cando, cansa de aturar o noso mal facer, danos unha labazada para dicirnos aquí mando eu.
Exemplos temos dabondo, pero non me negarás, Xaquín, que sobre a plataforma os selfies saen máis bonitos, e que por estes concellos algún turista se deixa caer.
Paga a pena, merliño, tanto custo, e non falo do económico, é o de menos, por unhas fotos ou unhas cervexas frías...?
Aínda que o que dicimos quizais non sexan máis ca un puñado de verbas, bonitas ou feas según para quen, mesmo pode que ferintes para algúns que preguntarán de onde saíron estes dous falabaratos, loitamos coa pluma polo que consideramos un novo maltrato, a risco de quedar sen peteiro o merliño, e de que me rompan os beizos a min.
Pecho a gaiola dos soños e abro a da Alma para que a língua poida saír a voar, mostrando o noso xeito de OLLAR E SENTIR A NATUREZA, unha vez máis...!!
O Paraíso existe
Xaquin Miguéns Ces

No hay comentarios:
Publicar un comentario