Segue dando voltas polo Val a noria da vida, co sol asomando e a lúa fuxindo...
Soa a música melancólica do outono, nada cambia nas Brañas, salvo que ameaza frío, vento e chuvia...
E no carrusel no que a miña Alma viaxa, que se escoita...?
Mer Santiago e María García publicaban onte no Facebook unhas fotografías que falan ben ás claras da fermosura da nai Natureza, mil grazas...
As de Mer ían acompañadas dunha reflexión de Alphonse de Lamartine, escritor francés do século XIX, que dicía o seguinte : " Nunca nos seus soños pudo o home inventar nada que fora máis fermoso que a Natureza."
Deixoume pensativo, a imaxe de quen foi creada a Natureza é unha pregunta que me revoa a miúdo pola cabeza...
Pero o merlo, que ollaba o abrente das Brañas, i está en cáseque todo, empezou a despotricar. Esnaquizaba os miolos o tolo repenique de campás a que soaba o seu canto na cruz do graneiro, algo ben estraño.
Que tes, merliño...? pregunteille con medo a que me mandase a tomar por onde rompen os cestos, sei que non acaba de dixerir ben o do mirador de ferro no Treito.
Na frase de Lamartine tela resposta, Xaquín, contestoume de non moi boas maneiras.
Que queres dicirme ? Non che sigo, Amigo merlo.
Xocas es igual de cortiño que tód@s, que con tal de rumbar non se paran a pensar máis alá do que acada a punta da súa nariz, e a túa aínda é ben grande.
Un respecto, larpeiro.
Non o merecedes, Xaquín. A ENVEXA é un pecado capital que o ser humano leva ata extremos insospeitados, mesmo a destruir a Natureza por querer comparar a fermosura do que el crea con ela, no lugar de ser fonte de inspiración solamente.
Estará no certo o merliño en que é ese o motivo, ou será que nos ten teima...?
Outro día no que lle aperte menos o nó da gravata e se atope máis calmo, manterei con el unha conversa ao respecto...
Pode que vaia máis lonxe e me meta en camisas de once varas preguntándolle o que pensa sobre por quen foi creada a Natureza, palabras maiores.
Por hoxe máis nada, xa desbarramos os dous dabondo, por algo din que teño unhas pingas...
Cánto menos...!!
O Paraíso existe
Xaquin Miguéns Ces

No hay comentarios:
Publicar un comentario