viernes, 1 de noviembre de 2024

"DINA"

   Levántome antes de que abrente faga acto de presencia clarexando as Brañas. Quero deixar unhas verbas, que quizáis soen tristes non por culpa da morriña do outono, antes de ir cara a Feira de Santos na "terra dos patricios". Facer unhas compras no Cerdal é a disculpa para papar uns boliños de bacallau e dar un paseo polo fermoso pobo de Ponte Lima...

  Saio ao balcón e atópome co merlo fóra do niño, non sei se tamén madrugou para espertar a aldea neste día tan de flores e cemiterios, de recordo dos nosos que xa se foron, ou aínda chega de celebrar a "noite do Samaín"...

  Está na esqueira do hórreo, como bo galego, sorrinte, e vendo o nó da garavata desfeito, faime tirar máis polo segundo, pero fíate ti do larpeiro...

  "Semellas abatido, Xaquín", é o primeiro que canta. Parece alleo a tódolos acontecementos que me van deixando unha ríada de tristura na Alma, cada vez máis fonda.

  Non te fíes da primeira impresión, río por non chorar, Xaquín, ata quedaron sen brillo as alas vermellas do presumido galo do veciño e soa triste o seu canto...

  A sabia Natureza manda cada día novos recados de que o río polo que navegades non é o axeitado, pero non queredes entendelo e só poñedes a roupa de augas, e por pouco tempo, cando a labazada que vós dá é de proporcións máis que tráxicas... 

  O ocurrido nestas datas coas inundacións é un bo exemplo, e aínda así teño as miñas dúbidas de que saquedes algunha ensinanza positiva. Memoria de peixe, apunta sempre unha moi boa Amiga túa.

  Pode que unha vez máis o merlo Amigo dé no cravo e axiña nos esquezamos de todo elo botándolle a culpa uns a outros, xa tardan, ata que chegue outra "DINA" que volva de novo a tumbarnos...

  Fai dous días era o covid, do que iamos saír mellores persoas; logo un volcán nas Canarias, do que tampouco nada aprendemos; agora as inundacións no Sur e no Levante, cun tráxico final de destrucción e de mortes, e así podería seguir ata valeirar o tinteiro...

  Cres, merliño, que abriremos dunha vez os ollos e desaparecerá a ameaza dun ceo de tenebras que non para de dar voltas sobre as nosas ocas cabezas, como se viviramos nun permanente tempo de caveiras, e santa compaña.?

  Oxalá forades quen de atopar un horizonte de luz e de esperanza, de respecto as leis da nai Natureza, Amigo Xocas...

  Pero son pesimista, e coido que seguiredes sendo a "raza intelixente" á espera dunha nova labazada...

  Mágoa...!!

  

  O Paraíso existe 





No hay comentarios:

Publicar un comentario