"Hai un aspecto no que os animais mostran a súa verdadeira sabedoría, e non é outra cousa que o disfrute do momento presente, mostran ansiedade só cando ven a vida en perigo", dixo Schopenhauer.
Viven con tranquilidade os ritmos marcados pola nai Natureza, e nós que nos consideramos animais intelixentes pasámonos a vida correndo, lebres sen sentido, ou facendo un mundo de calquer nimio problema...
Que se non voltou o merlo, que o verán non fai acto de presenza, que o ralo e o topo acaban cos amorodos e as leitugas da horta, é todo o pensar deste picapedreiro...
Unhas verbas que recibín, e que para nada esperaba, graciñas, "vive o presente con calma, Xaquín, o merliño e o verán están aí, mesmo nos vexas", fíxome recapacitar...
Só alonxándonos da voráxine na que parece estamos metidos, e interiorizando a paz que nos mostra a Natureza, poderemos seguir disfrutando do diario camiñar...
Nada como reflexionar diante do tranquilo murmurio, do que semella a soedade, da nosa "Nai" ...
Hai vida agochada... A luz, as cores, a música, ou o silencio, que envolven algúns espazos naturais, son sales das que a Alma pode estar necesitada...
Unha visita ao entorno dos muíños de vento no alto de Catoira, coa lagoa de Pedras Miúdas no fondo, e todo cánto a vista abrangue, o Ulla surfeando polo Val ata rematar bicando á súa amada Cortegada no Paraíso da Ría de Arousa, é un goloso ansiolítico, UN GOTEIRO ao que enchufarte, tan preto de nós e tan descoñecido a un tempo...
A Natureza ao rescate da Alma...!!
O Paraíso existe
Xaquin Miguéns Ces
No hay comentarios:
Publicar un comentario