martes, 25 de junio de 2024

SAN XOÁN


  Abro moi cedo a fiestra neste luns de zapateiros, segue a lúa rosa a colorear os hórreos e o ceo das Brañas de Laiño...

  Na cruz do graneiro bota o merlo un aturuxo, é o saúdo de bos días para tod@s, e os parabéns para as Xohanas e Xoáns tras unha longa noite de troula...

  Carraspea, dame a impresión de que chegou un pouco perxudicado, ríase onte de min, semella haber para todos, jajajaja...

  Debeu correr o tintorro polo gorxelo máis que as sardiñas, meu desexo que as charamuscas non lle queimaran as alas, ou o frac e a gravata, saltando a cacharela...

  Impregna todo un cheiro a fume, son os rescoldos da noite meiga de SAN XOÁN, da purificación das Almas co lume das moitas fogueiras acendidas polo Val, dun xeito moi especial pola nosa parroquia, San Xoán de Laíño, que hoxe está de festexo...

  Un xeito de curar as feridas e sentirnos en paz con nós mesmos e coa nai Natureza á que lle debemos tanto...

  Unha antigua tradición na nosa querida Galicia, i en moitos outros lugares, a de aproveitar a maxia desta noite para convertir as cacharelas en lume purificador das nosas vidas, invocar o ben e alonxar o mal que revoe sobre as nosas cabezas saltando as fogueiras e queimando nelas o cartafol dos medos que nos doblan as costas e nos oprimen a Alma...

  De paso, pedirlle perdón á Natureza por tódolos danos causados, e prometerlle un comportamiento máis axeitado polo moito que nos dá...

  E, xa de mañá, a auga das herbas recollidas con tanto agarimo na véspera rematará o efecto purificador con ese especial cheiro ao que contribúe o orballo da noite...

  Aire, lume e auga xunguidos mentres "voan as  vasoiras".

  "Habelas, hainas, Xaquín, non teñas a máis mínima dúbida", canta o merlo Amigo espoldrexándose antes de meterse no niño...

  Cantar, o que se di cantar...

  Jajajaja...Que faltiña ten de durmir...!!

  

  O Paraíso existe 



                                                             Xaquin Miguéns Ces

No hay comentarios:

Publicar un comentario