Eu nacín de seo pobre
e arroloume pobre berce.
Eu crieime nunha casiña
que por fachenda só tiña,
de honra, os alicerces.
En corpo de exigua sombra
medraron peitos e soños.
Os peitos non aleitaron
e os soños foron minguando
como os días do outono.
Rin ata doerme os riles
e chorei con vehemencia.
Non fun parca en apreixos
e fuxín de todo enleo
o máis dar das miñas pernas.
Impregneime sen mesura
do zoar do mar e o vento,
do engado dos solpores
do aroma de herbas e flores,
do esplendor do firmamento.
E hoxe que as cellas albean
e as carnes desvarían,
o tempo en retirada
eu matino, conturbada,
¿zuguei todo o zume á vida?
Silvia Figueiras Dovalo
No hay comentarios:
Publicar un comentario