viernes, 3 de noviembre de 2023

 MOMENTOS

   Esperto tras unha longa noite de cans, falaba onte de malos augurios, quedeime curto...

   Os ríos rebordados, as Brañas anegadas...

   Tamén as miñas meixelas, quizais todo en consonancia coas datas que celebramos...

   Os lóstregos racharon os ceos, esnaquizando as flores do camposanto o paso dun furacán de chuvia e vento...

   Abro a fiestra, como se non houbera un mañá segue caendo auga na aldea...

  Máis que botas necesito unha gamela, teño que saír na procura do meu Amigo, no chan do que onte era o xardín, ao pé da graneira ollo o niño en anacos...

   Atopo o merliño diante do cruceiro do adro da igrexa de San Xoán, debeu ir de visita ao cemiterio...

   Semellan rodeados, cruz e merlo, dunha áurea protectora de cánto pasa a seu carón...

   Dende os abetos do viacrucis escoito seu trino, que un forte vento espalla polo Val de Laiño :

   "Vivir é un regalo, Amigo Xocas, un agora que has de gozar sen pensar no que se foi, moito menos no que queda por diante...

   A vida son os MOMENTOS que as persoas de ben conservan para sempre...

  Por elo quero adicarlle no día de hoxe, fieis difuntos, un ledo recordo a aquel@s que se foron, pero seguen estando...

   Xaquín, escoita alá dentro, soará unha música celestial procedente das caixiñas de cores que tes gardadas na lacena da Alma."

   O corazón doume un brinco...

   Mentres a vida teña a ben que esté presente,  cun sorriso nos beizos, merliño, escoitareina...

   Cun chouto na Alma...!!

  

  O Paraíso existe 



                                                            Xaquin Miguéns Ces


No hay comentarios:

Publicar un comentario