viernes, 11 de agosto de 2023

INVASIÓNS

  

 Seguen en pé as Torres de Oeste, en Catoira, restos dun pasado de loita...

  Alá se foi de mañá cedo o merliño. "A batalla está servida", canta sorrinte no alto da capela.

  Traxe, gravata, non é un domingo calqueira, Amigo merlo...

  En Taragoña, a miña querida parroquia onde vin ao mundo, celébrase o día do seu Patrón San Salvador...

  Na lacena da Alma, merliño, unha caixiña de cores que pon "Salvador O Fariñas", meu avó, na que se lle escoita recitar un poema de Rosalía, "Amoriñas das silveiras".   

  De neto a avó o tempo corre que voa, Xaquín, podo entender esas bágoas de emoción que esbalan polas túas meixelas.

  Pero hoxe, merliño, primeiro domingo de agosto, aparte doutras moitas festas, temos ao lado unha nova posta en escena da Romaría Vikinga, un clásico na bisbarra...

  Na memoria, aqueles tempos da Idade Media nos que fixo falla pórlle portas ao Ulla para defender Compostela...

  O río era a arteria de comunicación, era vida, Amigo merlo.

  Tamén morte a un tempo, Xocas...

  Seguen en pé as Torres recordándonos que sempre hai que estar preparados para o combate...

  Non son os drakars normandos subindo río arriba o cauce a través do que chegan agora as INVASIÓNS. Non é necesario levantar castelos de pedras grosas para defendernos, pero sí pórlle portas a todo cánto nos chega a través dos medios de comunicación e das redes sociais, os novos vikingos que tratan de arrasarnos os miolos, Xaquín.

  Cánta razón tes, Amigo merlo. Pobre daquel@s que non saiban blandir escudo i espada para defender a mente, o castelo dos valores verdadeiros...

  Será un monicreque movido polos fíos dos intereses duns e outros, unha cometa que voará según o vento.

  Amenceu nas Torres un novo domingo de troula, suben río arriba os drakars...

  O desembarco a piques de producirse, no castelo preparados para defenderse...

  "A batalla está servida... Escudo i espada, no esquezades", canta o merliño na cruz da pequena capela...

  Que comece a festa...!!

 

  O Paraíso existe 



                                                              Xaquin Miguéns Ces

No hay comentarios:

Publicar un comentario