Paréceme que foi onte
cando cativa enredaba,
allea a calendarios
e reloxos que contaran.
Cando apañaba aguda
as amoras enloitadas
e os azucrados morotes
que nun talo enfiaba.
Prendía as bolboretas
para loguiño ceibalas,
e aguillaba aos griliños
nos buratos cunha palla.
Choutaba polas congostras
fartas de seixos e lama;
calaba a sede na fonte,
a fonte hoxe estiñada.
Gustaba do son do cuco,
das gaias bubelas pardas,
de catar tenras ervellas
que no padal estouraban.
Paréceme que foi onte
cando meu pai me levaba
a aquel parque entre piñeiros
do que xa non queda traza.
E tal que dous namorados,
da manciña pola praia,
eu escoitaba curiosa
os contiños que el fiaba.
Cando nas mañás sollías
a miña nai refregaba
naquel río do Soutiño
a nosa roupiña branca.
Paréceme que foi onte
mailo tempo non engana.
Canto calo no peito,
nas tempas ¡canta xeada!
Paréceme que foi onte
é un parecer,máis nada .
Silvia Figueiras Dovalo
No hay comentarios:
Publicar un comentario