sábado, 20 de mayo de 2023

ESTE VERÁN

 Aínda non acabei o curso e xa estou pensando neste verán non, no que vén. Levo tanto

tempo pensando neste, que xa me aburrín del. Pasou de ser unha meta inalcanzable a, de

darlle tantas voltas e crearme tantas escenas mentais ficticias en lugar de vivir na realidade

que me toca, ser un conto lido e relido e relido e relido e relido e relido e relido e relido que xa

aborrezo por repetitivo e por idealista.

Agora estou relendo o verán que vén. O verán que vén vai ser boísimo. Sairei moito de

festa; viaxarei por moitos sitios; acabarei bacharelato e non me preocuparei máis por estudar

cousas que non me interesan; xestionarei os meus propios horarios; volverei ao deporte;

comezarei a comer máis san; traballarei, xa cas prácticas rematadas, de monitor de vela e

cobrarei o meu digno soldo; con este salario pagareime a carreira para a que estou

predestinado e comezarei unha vida de éxito; darei clases de inglés, de castelán, de galego, de

latín, de grego, de hebreo e de árabe; publicarei o meu primeiro libro e será un top ventas;

sacarei o carné de coche, de moto, de barco, de avión, de submarino, de máquina do tempo e

de cabalo; comezarei o meu imperio; terei capacidade económica para todo o que queira e,

sobre todo, estarei ao meu sen que ninguén me moleste en nada.

Son unha manchea de cousas, pero son tamén o froito do esforzo que supón pensar e

reler os mesmos tres meses unha e outra vez. Aburrinme de tanto pensalo e relelo, déixoo

mellor para o verán que vén non, para o que vén do que vén.


Abel Rodríguez

No hay comentarios:

Publicar un comentario