Cincuenta, setenta, cen... Cambio, cento vinte, cento corenta... Cambio, cento cincuenta, cento sesenta, cento oitenta... Para. Que me levou a estar nesta situación? Igual se me centrara un pouco máis nos exames e non me deixara levar polos impulsos propios da xuventude, non a tería coñecido. Non lle estou a botar a culpa da miña situación, pero si que a ten. Toda, ademais. De feito, si, si que lla estou botando, tena ela e non eu, de non ser por ela nada disto tería pasado.
Coñecina en cuarto da ESO e dende entón nada foi o mesmo. Entrou como alumna nova, e dende o primeiro día sentouse ao meu lado. Eu era un rapaz normal, cos seus amigos (sobre todo Miguel, eramos bos amigos dende pequenos), co seu par de afeccións como son o deporte e a música... a min ata me gustaba estudar, adoitaba acadar boas cualificacións na maioría das materias. Non tiña moi claro o que quería facer ao acabar o bacharelato, nunca o tivera, pero ao final non tivo moita importancia. Presentoume aos seus amigos de fóra do centro: eran todos, coma ela, maiores ca min. Sexa por status ou porque me parecían interesantes, pronto quixen facerme amigo de todos. Quedar con ese grupo sacábame tempo das miñas cousas, pero ao final era normal porque non podo pretender empregar tardes para quedar con xente sen comerlle tempo a outras cousas. Engancháronme dende o primeiro momento, caíanme moi ben e tratábanme coma a un máis deles, co cal comecei a adicarlles máis tempo e a adoptar certo dominio dos temas dos que acostumaban a falar, metinme no universo no que se movían con facilidade. En canto a ela, xenial. Precisaba que gastara tempo nela, e cando quedábamos normalmente volvía á casa coa carteira baleira porque tampouco era de afrouxar moito, pero non importaba. Facíame sentir ben, tanto que antes non sabía que alguén se puidera sentir así, non o imaxinaba. Estar con ela era unha sensación de evasión da realidade que acababa de descubrir como amarga, como que nada importaba e me desinhibía todo o posible, podía ser eu. Non concibía que me puidese traer nada malo en ningún momento, sempre a tiven coma unha bendición e todo o que fora en contra dela ía en contra miña tamén. Os meus amigos comezaron a pasar máis e máis de min ata que quedamos ela, o seu grupo e mais eu. Non me preocupaba porque simplemente non entendían o inofensiva e marabillosa que era, ninguén o entendía, mesmo se anoxaban, coma Miguel. -Estáseche a ir das mans esa rapaza- Díxome un día. -Ao contrario, non sei que faría sen ela -Non pensaches que igual tes un problema con ela? Xa non quedas connosco, non vés á miña casa, baixaches as notas todas e abandonaches o atletismo e a música, que tanto che gustaban. Todo iso é por culpa dela, non che digo que cortes lazos pero igual deberías aprender a xestionar o tempo, cartos e enerxía que che consume. -Dáme moito máis do que me quita! Deixei esas cousas porque me cansei delas, e non preciso estudar tanto se vou aprobando igual. Cala, non es miña nai. -Se non me queres escoitar non o fagas, pero que me tomes de tolo e paranoico non o vou aceptar. Tes un problema con ela, e deberías darlle unha ollada, polo teu ben. Non quero ameazarche con enfadarme, quero que entres en razón -Non fai falta que me ameaces, non entendes nada. Quen me toma de tolo es ti, e non imos chegar a nada nunca así que case mellor non falamos máis, e miras como vivo feliz dende a distancia. Non quero saber nada de ti nin do resto, para que me tratedes coma se fósedes meus pais prefiro que nin me tratedes, se cambiades de opinión e me ides aceptar ben, e senón ben tamén, pero lonxe de min. Deixara unha parte da miña vida atrás ese venres con esa conversa, e na mesma fin de semana quedei con ela e os seus amigos, que me respaldaron en todo. Déronme a razón, e era o que precisaba. Ese era o camiño que eu tiña que seguir, e así o fixen, quizais descoidándome de máis. Logo de repetir curso e deixar a ESO a metade do segundo, púxenme a traballar nun bar que frecuentaba con ela. Xa coñecía ao persoal e tíñanme aprecio, así que non houbo problema. Así fun sacando propinas para vivir eu e compartir con ela, aproveitei e sacrifiquei todo canto puiden. Cando xa non era quen de continuar con ese ritmo de vida, faleino con ela unha noite en profundidade e deixoume ben claro que se non estaba disposto a compartir con ela, que me esquecera tamén dos seus amigos. Quixen razoar pero non houbo xeito, ou o daba todo ou non daba nada, pero tampouco recibía, e decanteime, por supervivencia, pola segunda. Tiña cartos? Si, mais custáronme un prezo desproporcionado: o meu entorno social de entón esvaecérase, e ao anterior botárao. Mudeime a un pisiño eu só e pasei os catro anos máis baleiros, negros, fríos e sórdidos da miña vida. Unha rutina fixa marcábame uns horarios de traballo que non me deixaban tempo de lecer, o cal en parte era bo porque non tiña en que gastalo así que a súa ausencia non se facía tan amarga.
Un día entrou Miguel no bar. Recoñeceume e eu a el de volta, pero a quen non recoñecín foi á que intuín súa moza. Funos atender e puxémonos un pouco ao día, alegrouse moito de que me fora medianamente ben e intercambiamos números. Xa non tiña dezasete anos, tiña vinte e un, e estaba cambiadísimo, xa era un home coa súa vida aparentemente formadísima. A nosa posterior conversa confirmou esta especulación: íalle xenial e eu non me podía alegrar máis por el. Seguía co mesmo grupo de amigos, aos que tamén lles ían ben as cousas en xeral. Ao parecer o único que loitaba por sobrevivir sen tempo nin ansias para máis era eu, algo faría mal. Quedamos de quedar a tomar algo algún día despois de cerrar o bar todo o grupo de amigos e mais eu, e así foi. Todo xenial, sentinme cómodo como facía anos que non me sentía, foi coma se chegara a unha meta e puidera entrar nun estado de alivio e paz interior, un “por fin” sentimental. Non o sabía pero era exactamente o que precisaba, volver con eles. Liáronme e deixei o traballo de merda no que levaba catro anos, e Miguel ofreceuse a contratarme na súa administración de seguros se me sacaba a ESO e o Bacharelato, e mentres o facía podía vivir con el. Aceptei sen dubidar, era o momento de arranxar os meus erros. A ESO saqueina por libre en tres meses, e o bacharelato tamén de xeito telemático en oito. Botar todo ese tempo traballando mañá e tarde axudarame a poder estudar día e noite e sacalo de diante. Cumpriu a súa promesa e á semana seguinte de ter o título de bacharelato, alí estaba eu, fronte a un ordenador, atendendo xente, cun horario de máis que razoables seis horas diarias e os fins de semana libres. Coñecín a unha clienta, Laura, coa que tiven unha relación espectacular, máis en concreto, sentimental. Unha azafata que quería asegurar a casa porque ás veces botaba días fóra e non a quería deixar sen vixilancia. As primeiras interaccións foron as típicas de traballador e clienta, mais non tardou en propoñerme ir tomar algo. Aos seis meses viviamos xuntos (tiña présa por marchar da de Miguel, non quería ser unha carga por moito máis), e íanos todo ben, como que estabamos feitos o un para o outro. Había discusións, si, mais sempre as superabamos. Por fin conseguira aquilo do que perdera a esperanza había xa cinco anos. E que non podía pedir máis, tiña unha vida de éxito, en todos os ámbitos da vida me ía ben. Tiña un proxecto vital, plans de futuro, podía mirar máis adiante do meu naris sen que a miseria na que vivía me recordase que ningunha expectativa se cumpriría, e todo grazas a aquel día que de casualidade Miguel entrara no bar. Comecei a saír de festa, cousa que me parecía impensable pero agora tiña con quen facelo, cando facelo e cartos cos que facelo, e custoume moito (aínda me custa) crer que estiven nese punto.
Un día de festa, que decidira beber, atopeime fóra da discoteca a tódolos amigos dela xuntos de botellón no chan. Vinos desmelloradísimos, vestidos coma vagabundos, cun cheiro inclemente a alcol e que en xeral daban bastante mágoa. Achegouse a min, e eu non souben reaccionar. Non sabía como tomarme aquilo, a mirada cálida que me levaba a tempos pasados nos que era un hedonista imprudente, si, mais feliz. Moi feliz. Se xa en xeral era feliz, e que cando estaba con ela era unha explosión de felicidade. Entre unhas cousas e outras acabamos arranxando as cousas, quedamos de falar algún día máis tranquilos nós sos. Dábame medo, si, mais non me neguei en absoluto. Non lle dixen a ninguén cando quedamos, non quería que ninguén o soubera porque ía ser algo puntual, quedar un día e nada máis. Non volvería a ter relación con ela. Non sabía o por que, pero traeríame problemas e non cría que o resto o tomaran ben. Nunca destaquei pola miña forza de vontade. Cando Laura durmía fóra, que era a miúdo, eu quedaba con ela. Case parece que se trate dunha infidelidade, pero non había vínculo amoroso nin sexual, só volvía a sentir a ledicia desmesurada de tempo atrás que combinaba coa miña vida cotiá, todo ía mellor aínda e por riba tíñao controlado e podía permitirme darlle o que necesitaba. Un día destes que veu á miña casa sen Laura, chamou Miguel á porta de imprevisto. Tiven que dicirlle que se agochara onde puidera, e fun abrir. -Hai un problema coa empresa. Témonos que facer cargo dun gasto que non podemos asumir, mira isto... Para. Que é iso? -Nada, non te preocupes. A ver o gasto? -Logo de todo o que pasaches, todo ese tempo pagando as consecuencias ata que milagrosamente cheguei eu, aínda che quedaron ganas dela? -Non empecemos. Non me afecta na vida cotiá, de verdade que non vai ser coma a última vez. -Como volva saber algo relativo a ela, estás fóra. Mañá paso por aquí e non quero ver restos da súa presencia, do contrario, direillo a Laura. -Dáo por feito. Así o fixen. El esperaba que a botara, eu só lle busquei un mellor sitio para se agachar, inxenuo de min. Non me dixo que me esquecese dela, só que el non a quería ver, o que me deixaba un baleiro legal. Por que facía todo isto?. Realmente me valía a pena xogarma tanto só por ela? Son preguntas que me fago agora pero que entón me parecían tan obvias que eran indignas de ser repostadas.
Miguel voltou ao día seguinte. Entrou, miroume de arriba a abaixo e ensombrecéuselle a cara. Nunca o vira tan serio, e sabía que estaba preocupado. -De verdade que cho digo polo teu ben, faime caso, tes que cortar todo tipo de comunicación con ela ou non vas conseguir despegarte. -Pero e que non quero, non me prexudica, non o ves? -Mentirlle á túa parella, amigo e xefe, e entorno en xeral considéroo bastante prexudicial -Non o é se non vos decatades. -Pero non é o caso. -Mira, tío, temos unha idade como para andar con estas caralladas, somos xefe e empregado e nada máis. Déixame a min coas miñas movidas e a miña vida, e vaste ti coa túa de empresario de éxito e formamos unha simbiose, pero cordial, vale? Ti deixas de meterte no meu, e así non che preocupa o que eu faga ou deixe de facer. -Se ti decides cortar a relación amistosa que tiñamos, eu decido cortar a profesional. Hai segundas, pero non terceiras oportunidades, non quero a un tipo así traballando para min. Se queres tramitar algo pasas por alí, e a ver que fas coa liquidación. -Tes cinco segundos para estar fóra da miña casa. Marchou dando un golpe na porta, entendo que anoxado. Quedara sen traballo, pero tiña parella, casa, algo de aforros e a ela. Esa mesma noite había chegar Laura, así que decidín agardar por ela coa cea feita e todo preparado para que chegase e só tivese que sentarse, comer e logo ir ver algunha película á cama. Laura non chegou nunca á casa. A emisión de Titanic foi interrompida pola noticia urxente dun atentado nun avión que realizaba o voo BA2490. Era o seu. Laura morrera. É máis, Laura morrera sen saber que lle mentía. Que ía ser de min agora? O home que me salvara non quería saber nada de min, botáranme do traballo, a miña moza morrera. Quedábame ela e uns cantos aforros, que, con esta morte e todo o que implicaba, non me ían dar para moito. A mesma noite quixen chamar a Miguel, pero recordei que o botara da casa esa tarde e non quería saber nada de min. Non me quedou outra que botar man da única fonte de boas sensacións que me quedaba. Esta vez non foi feliz, ela decidiu que non me ía facer feliz. A nosa conversa ía empeorar a situación e facerme sentir máis miserable, co cal falabamos máis e máis e todo ía a peor e a peor. Nun día fórase todo ao carallo. A rapidez coa que o contei foi a rapidez coa que pasou, non me dou tempo nin a asimilalo. Baixei, collín o coche e comecei a conducir.
Propúxenme que a miña morte, coma a de Laura, saíra nas noticias. Así igual tiña a oportunidade de, noutra vida, confesarlle o que lle fixen. Ela viña de copiloto, e foi quen me aconsellou que me metera na autovía no carril contrario. Retoume a esquivar cen coches sen soltar o acelerador, e acepteino. Aumentaba a velocidade. Cincuenta, setenta, cen... Cambio, cento vinte, cento corenta... Cambio, cento cincuenta, cento sesenta, cento oitenta... Para. Neste instante o meu coche atopábase de cara contra outro, a un par de centímetros como moito. Se transcorre unha décima de segundo máis, xa está feito. Neste momento no que se parou o mundo e me dou tempo a recordar por que estou onde estou, volvín a pensar en quen ten a culpa. Cambiei de opinión. A culpa era dela. Se non estivese bébedo, non terían nin sequera baixado as notas en 4º da ESO.
Bum. Cero.
Abel Rodríguez
No hay comentarios:
Publicar un comentario