martes, 11 de octubre de 2022

MERLIÑO

 Levántome cedo, madrugar semella ser parte importante do meu ADN...

  Dende o balcón, ollo como amence...

  O outono empeza a facer acto de presencia polas noites, aínda que o veranciño de san Miguel resístese a abandoarnos...

  No Val sopla un nordés bastante forte, pero  teremos que esperar se queremos ver o graxo voando baixo nas Brañas, non sei que dirán as témporas...

  Sobre o Xesteiras, peléxase o astro rei cun ceo de nubes rotas...

  En fronte, no monte do Treito, o pico Muralla olla sorrinte as pinceladas amarelas e vermellas que deixa tratando de  facerse un oco...

  De frac negro, xa acicalado, no cumio da vella graneira, escoito o trino do Amigo merlo:

  "Chámame chulo e vótame millo, jajajaja..."

  Non pode ser máis presumido, semella que espertou de bo talante...

  Colgado das alas leva a paleta e os pinceis cos que darlle cor aos soños, por altas que estén as pólas dos ceos onde aniñen... 

  Niños cheos de aromas que me acerquen á borracheira dos sentidos...

  É miña necesidade... E súa obriga...!!

  Ti tamén, sí, aínda que non escoitaras xamáis seu trino, levas un MERLIÑO dentro, capaz de debuxar fantasías no lenzo da túa Alma...

  Din que os soños só deixan de existir cando morre o soñador, e teu merlo segue vivo...

  Querid@ Amig@, estás a tempo de oílo...!!

  

  O Paraíso existe



                                                                    Xaquín Miguéns Ces

No hay comentarios:

Publicar un comentario