domingo, 25 de septiembre de 2022

REFLEXIÓN: SORRISO NOS BEIZOS

 Abro a fiestra e ollo o Val...

  Amence o primeiro día do outono co sol tratando de facerse un oco...

  Un viruxiño sopla nas Brañas, pero non semella que a chuvia faga acto de presencia.

  Bo día Xaquín, nótoche pampo, escoito xa pasado un bo anaco de tempo.

  Amigo merlo, onde andabas...? Máis que pampo estrañado, porque non escoitaba teu canto. Pensaba que a un amencer así para recibir o outono deberías adicarlle un melodioso trino, i eu un sorriso de orella a orella, un pouco desentonando co careto de medio mundo.

  Non todo vai ser cantar, Xocas. Ás veces hai que pensar, algo que semella non estar entre vós moito de moda. Son momentos delicados e nada ten de estraño que, no lugar de alegrarse, a xente saia da casa temerosa porque de novo amence.

  Pode que teñas razón, larpeiro. A vida é agora mesmo unha mezcolanza de doces soños e pesadelos, unha pistola na cachola xogando á ruleta rusa, a guerra de Ucrania serve de exemplo...

  Unha nova estación que comeza ilusionante para uns, e bombas que arrasan as ilusións, para moit@s outr@s...

  Pero a vida ten que seguir, e o xeito de sentir nos miolos as cóxegas que necesitamos, é espertar, subirnos no tiovivo e oír a súa música cun sorriso...

  Mentras se escoita o son da Natureza, o sol asoma nas Brañas e un lixeiro nordés move as canas das beiras dun Ulla que baixa sorrinte pensando en bicar os beizos de area fina de súa amada Cortegada antes de desaparecer feliz na Ría, un tipo raro mantén unha conversa cun páxaro.

  Por algo din que tes unhas pingas, Xaquín.

  Son benévolos merliño, pois non son bos tempos para a lírica, como soe decirse, e, a pesares, teño un SORRISO NOS BEIZOS mentras ollo como amence.

  Xire o carrusel sempre, Amigo Xocas...!!

O Paraíso existe


Xaquín Miguéns Ces





No hay comentarios:

Publicar un comentario