lunes, 11 de abril de 2022

PIDO Á DOR QUE SEXA O MEU ALIMENTO


Os feitos futuros proxectan antes as súas sombras, dicía James Joyce, e eu paso estes días recordando esa frase. Cando leo a prensa e imaxino o horror dos bombardeos. Cando vexo o telexornal e percibo a dor nos rostros de persoas cruzando a fronteira polaca. Cando escoito o ministro de Asuntos Exteriores de Rusia dicir que eles non van atacar ningún país europeo pois tampouco atacaron Ucraína. De que feitos futuros, penso, son eses sucesos a sombra? Pero tamén recordo esa frase cando me chega a factura da luz. Cando vou ao supermercado e comprobo o prezo do aceite. Cando vexo xogar aos meus sobriños e non podo evitar pensar como me sentiría se houbese a posibilidade de que soasen as sirenas ou de que me chegase ao móbil unha mensaxe gobernamental anunciando un inminente bombardeo. De que feitos futuros son todos eses sucesos a sombra?, penso. E, por suposto, estremezo.


Pasei toda a miña vida adulta agradecendo (sen saber moi ben a quen) ter nacido en Rianxo a principios da década dos sesenta. É certo que nunha ditadura, pero tiven a inmensa fortuna de que, cando comezaba a ser consciente e maduro, o país no que vivía aprobou unha constitución liberal democrática que nos equiparaba ao resto da Europa Occidental. Tiven unha infancia feliz. Estudei. Atopei un traballo digno, tan digno que lles explico aos fillos dos meus veciños as sombras que os feitos futuros proxectaron en diferentes épocas da historia. Vin progresar a miña familia e os meus veciños: mellor sanidade, mellor educación, mellores vivendas, mellores coberturas sociais, mellores dereitos para as minorías. Mellores festas. Ata os emigrantes que marcharan a países como Alemaña ou Suíza na década na que eu nacera quedaban asombrados cando volvían no verán e vían que aquel Rianxo mísero do que marcharan pasara de 3 días case baleiros de festa a nove días repletos de actos, mesmo un, de clausura, no que tres das mellores orquestras de Galicia, cuns palcos que parecían platós de televisión e enchían toda a praza, cantaban unha canción, a Rianxeira, antes deostada como folclórica, e agora prestixiada en todo o mundo.


E vivín toda a miña vida pensando, consciente ou inconscientemente, doume conta agora, que todas esas marabillas que me pasaban eran a sombra que proxectaban os feitos futuros. Os nosos fillos, os nosos netos, os nosos bisnetos vivirían moito mellor ca nós. Máis altos, máis guapos, máis sans, máis bos, incluso máis eternos. Nós só eramos a sombra do seu paraíso. Pero chegou a crise financeira do 2008. E a crise sanitaria do 2020. E a crise xeopolítica do 2022. E agora dúas sombras pelexan no meu ánimo. A sombra que proxecta sobre o futuro o meu pasado e a sombra que proxecta sobre o presente o seu futuro. E non fago máis que negarme a responder esa pregunta que, obsesiva e perturbadora, me aborda a todas horas: Cal desas dúas sombras acabará impóndose? E négome a respondela porque os humanos somos moi bos predicindo o comportamento dos planetas ou de estrelas distantes, pero moi malos predicindo o noso propio comportamento. E ese é o problema. Que debido a que somos bos para vivir cunha sombra do paraíso ou cunha sombra do inferno, pois fomos dotados pola bioloxía para ter axiña as cousas claras simplificando o mundo, cando este se volve crítico e complexo, é fácil que nos botemos en mans de tipos simples e brutos como Hitler, Putin ou Trump. Só temos un débil recurso para evitalo. A cultura. Porque a cultura inventámola, non para entreternos, como moitos parecen pensar hoxe, simplificándoa ata o absurdo, senón para ensinarnos a convivir na nosa mente e no noso mundo con cousas pouco claras e con sombras antagónicas, pois só así seremos quen de convivir civilizadamente en crises complexas e prolongadas. E por iso cada vez que vexo estes días as noticias ou cada vez que paro a repoñer nunha gasolineira, e me vén á cabeza esa obsesiva pregunta, penso nun poema, fermoso e tráxico, claro e escuro, preciso e contraditorio ao mesmo tempo, de Piedad Bonnet:


 


Pido al dolor que persevere.


Que no se rinda al tiempo, que se incruste


como una larva eterna en mi costado


para que de su mano cada día


con tus ojos intactos resucites,


con tu luz y tu pena resucites dentro de mi.


 


Para que no te mueras doblemente


pido al dolor que sea mi alimento,


el aire de mi llama, de la lumbre


 donde vengan a diario a consolarte


de los fríos paisajes de la muerte.


 


Recordar a persoa amada, dinos a poeta, é doloroso, pero é a única forma de consolala a ela da morte e a nós da vida. Recordar estes días os ucraínos é doloroso, pero, se non é a única forma de consolalos a eles da guerra, si é a única forma de consolarnos a nós da paz.

X.Ricardo Losada

No hay comentarios:

Publicar un comentario