lunes, 25 de abril de 2022

EMOCIONARTE

 Normalmente escribo os meus textos sen un obxectivo definido. Pero hoxe vou facer unha excepción. Intentarei emocionarte, cunha dificultade engadida: que saibas que estou intentando emocionarte. Para iso, antes tes que prometerme que, leas o que leas, gústeche ou non o tema, chegarás ata o final e, deseguido, sen pensalo nin racionalizalo, dirás con total sinceridade se conseguín o meu obxectivo:


     Encantoume unha noticia que lin o outro día. Dúas mulleres foron quen de facerlle o timo do tocomocho a un ex-directivo octoxenario dun banco. Para darlle máis encanto á historia, en Santiago de Compostela, a poucos quilómetros de onde vivo, e nun lugar, o Ensanche, no que vivín varios anos e no que aínda hoxe vou con frecuencia. O timo é ben coñecido: a muller acercouse ao home para dicirlle que necesitaba cartos con urxencia, concretamente 30.000 euros, e que, a cambio, entregaríalle uns décimos de lotería premiados por un valor bastante superior, pero que non podía cobrar. Como o home dubidada, unha segunda muller, cómplice da primeira, que oía a conversa, ofreceuse a facer a operación. Tras un breve pero intenso diálogo, o ex-directivo aceptou a proposta se o levaban en coche á casa, onde tiña os cartos en efectivo. Cando volveu con eles, entrou de novo no coche esixíndolles ás mulleres cobrar primeiro os décimos. Como as estafadoras reaccionaron insultándoo, mesmo pegándolle, acabou tirándose en marcha do coche, que ía a moi pouca velocidade, no medio da cidade. As estafadoras pararon, baixaron do coche, pegáronlle patadas mentres estaba no chan (tivo que ir ao hospital) e, finalmente, roubáronlle os trinta mil euros que levaba no peto.


     Digo que me encantou a noticia porque creo que, á marxe das patadas, o vello merecía o que lle pasou. Acaso non era directivo dun banco? Acaso non demostra o caso que seguía sendo un avaricioso? Acaso non tiña na casa unha cantidade de cartos tan alta que dá que pensar que eran de procedencia incerta e que non declaraba a Facenda? Xa que logo, agardo que nunca atrapen esas dúas Robin Hood do século XXI. Seguro que vivían nunhas circunstancias estremas de pobreza e non lles quedou outra que facer o que fixeron. Eses cartos servirán, cando menos, se non para que os fillos coman quente, si para que a actividade económica, tan necesaria en tempos de crise, se incremente.


P.D. Que, conseguino? Probablemente dirás que non, querido lector. Dirás que a historia deuche asco (facerlle iso a un vello!), medo (tamén che podería pasar a ti), tristeza (o vello ingresou no hospital), sorpresa (como se pode seguir caendo nun timo tan coñecido, para máis un tipo que traballou no sector financeiro), alegría (no fondo, que iso siga pasando é unha historia simpática), ira (gustaríache aplicarlle a esas mulleres a lei do talión), interese (a ti tamén che gustaría timar un tipo así), vergonza (como se vai sentir o vello agora que se sabe o que pasou), culpa (por que non estabas ti alí para avisalo). Pero, desde logo, dirás, en ningún momento te emocionaches pois en ningún momento a historia conseguiu que te identificases cos personaxes e sentises compaixón por eles, e iso (compadecernos) é o que normalmente chamamos emocionarnos. Pois non. Os psicólogos din que as emocións básicas son: asco, medo, tristeza, sorpresa, alegría, ira, interese, vergonza e culpa. Así que, querido lector, creo que podo afirmar que conseguín o que pretendía, e que, quizais, sexa un escritor máis emotivo do que eu mesmo penso.


 X.Ricardo Losada








No hay comentarios:

Publicar un comentario