Esperta o oso e a través dun furaco da oseira observa un gris amencer.
Triste amenceu o día na Terra de Rosalía, igual que a miña mente, que semella metida nunha gaiola, coas alas atadas aos arames sen poder izar o voo.
Ti que sempre tratas de facerlle ver aos demais a vida dun xeito positivo, son hoxe esas as túas emocións, Xaquín...? Quizais deberías pensar que non é pouco que téñala posibilidade de abrir os ollos a un novo día. Acaso esqueciches que un bichoco, do que pouco se sabe salvo que disfruta coa morte, puxo medio mundo a hibernar, como se falaramos dun oso...?
É inverno climatolóxico de momento, querido Xocas. E se non queres que o sexa tamén no eido espiritual, saca paleta pincéis e cores do cartafol e pinta un inmenso cadro coa visión dun feiticeiro mañá, embadurnando o cadro da vida de ilusións, da que está tan necesitada.
Amigo merlo, non che esperaba tan cedo, a verdade é que non pensaba escoitar hoxe teu trino, pero é moi de agradecer este sabio consello no medio de tanto medo e desatino.
Olvidas, Amigo meu, que o primeiro que escoitas, xa antes do amencer, é o meu canto resonando e os consellos da Natureza a unha alelada humanidade, que semella non ter claro o rumbo a seguir ante tal adversidade...
Mira que vos fala ben, pero noto que esta sociedade segue cos ollos pechados, os oídos taponados, e así tódolos ados que queiramos engadir...
E como quen cose as feridas son as agullas dun reloxo atemporal, só hai unha solución: Hibernación, esperar e desexar que esta crise, outras virán non o dubides, permita sacar algunha conclusión positiva que leve a un renacer desta egoísta e ruín sociedade.
Grazas, merliño, por oirche latricar no medio desta desfeita. Non hai coma ter Amigos que, sen obriga algunha, nos voten unha man.
Esperto súando e sobresaltado. Os soños xógannos ás veces malas pasadas, semella que pasei a noite escribindo o guión dunha película de terror.
Non foi un soño, Xaquín, estades de aniversario. Que menos que rememorar no subconsciente o que vivistes fai hoxe mesmo dous anos. A cousa pintaba mal, o covid era unha ameaza para a humanidade, e por desgraza fíxose realidade. O que chegou en adiante xa tod@s o coñecedes...
Como ben decías, as agullas do reloxo, aínda que sexa cun mal ganduxo, cóseno todo, e axiña vos esquecedes. Memoria de peixe que diría a túa Amiga, non tedes remedio...
Dous anos dempois, cando o covid empeza a ser historia, chega a guerra de Ucrania. Dame que a única solución pasa pola desaparición da faz do Planeta desta raza. Menos mal que se chama INTELIXENTE.
Querid@s Amig@s, bautizámola así nós...
Así nos vai...!!
Xaquín Miguéns Ces

No hay comentarios:
Publicar un comentario