miércoles, 26 de enero de 2022

FRANGULLAS DE BELEZA ETERNA

 

Mando todos os anos unha felicitación de ano novo. Escollo unha das fotos que teño no móbil, e engádolle coa aplicación Paint unha cita que me guste e un desexo relacionado con esa cita. Non tardo máis de dez minutos en completar toda a operación pois fágoa dunha forma espontánea e nada meditada, divertida para min, iso si, e, como os nenos, sen preocuparme por se o resultado final é ou non fermoso, xa que, como Sócrates, estou convencido que unha cousa é fermosa se cumpre ben a función que define a súa esencia. De feito, cando lle dicían que tiña unha nariz fea porque era moi grande, el contestaba que, ao contrario, por ser tan grande era máis fermosa, pois cumpría mellor a súa función, xa que inspiraba máis aire. A miña felicitación tamén é fermosa nese sentido. Poña o que poña, todo o mundo entende que estou felicitando o novo ano e, sen non entenden a frase que escollo, pouco importa. Se non hai nada máis feo para expresar un sentimento que un tópico, quizais unha frase que non entendas sexa é o summun da beleza.


Outra cousa é que quen reciba a felicitación poida pensar que quen a manda é un pedante. Ten todo o dereito do mundo, pero non me preocupa moito. Xa digo. Escólloa, coa soberbia aristocrática dun neno, porque a min me fai graza. Foi o que me pasou este ano. Escollín unha foto da casa de Rafael Dieste iluminada de azul e coa imaxe de Dieste e Carmen Muñoz nunha das portas (resultado dun acto de promoción cultural e turística que programou o concello o pasado verán) e, sobre a fachada, escribín unha frase de Platón, un filósofo que lle gustaba moito ao autor rianxeiro, e co que tiña moitas afinidades intelectuais: O tempo é unha imaxe móbil da eternidade, frase á que eu lle engadín, como desexo para o ano novo, Tamén 2022, pois iso é a felicidade terreal para Platón, para Dieste e para min: momentos fugaces que vives como eternos.


Aínda así, non vou dicir que esa frase de Platón sexa fácil de entender. Pero si direi que é moi sorprendente que non a entendan persoas que foron educadas no catolicismo. A única razón posible é que non entendan ben os conceptos de tempo e eternidade (imaxe e móbil non deberan presentar dificultade ningunha). Permitide, xa que logo, que traduza a frase, coa esperanza de facela máis dixerible, a terminoloxía católica: Xesús andando é unha imaxe móbil de Deus. Creo que así debera entenderse. Deus, por ser eterno, non pode andar, pois na eternidade non hai tempo nin espazo. Xesús, si, pois el viviu nun lugar e nun tempo. Pero como Xesús (misterio da encarnación) é Deus, Xesús é a imaxe móbil dun Deus inmóbil.





No hay comentarios:

Publicar un comentario