miércoles, 24 de noviembre de 2021

REFLEXIÓN...PATROA DOS MÚSICOS

 Quizais sexa un soño...

Non entendo porqué non escoito o canto do merlo, é luns de zapateiros, descansan as subelas, non os páxaros...
Escoito un estraño son de violíns, e ollo o merliño na súa atalaia ...
No Pazo da Ópera do Val de Rosalía, con música de Vivaldi, afina os instrumentos a "Gran Orquestra da Natureza ".
Os músicos de riguroso traxe e gravata, igual que o merliño, que pampa no graneiro...Coma pinceis, esperando sobre o estrado do Pico Sacro que o astro rei, director do concerto, dé a orde...
Luns, 22 de novembro, remexo no calendario buscando respostas, agora comprendo.
Se ollando a imaxe, querid@ Amig@, nada escoitas, non falo contigo...A Natureza ten a música sempre soando para aquel@s cunha Alma que sente. No seu pentagrama, tanto coma as corcheas pódense escoitar os silencios.
A piques de rematar a afinación do "Outono", esperto...
Asoman as cores amarelas do sol sobre o Pazo...Oxalá, Amigo merliño, o director incluira tamén a "Primavera", ou soe coma bis, sería o concerto soñado.
Voto axiña o pé fóra da cama, abro a porta do balcón, tomo asento...Chíscame un ollo o merlo.
Levanta o pano o Pazo da ópera do Val de Rosalía, ataviado coas mellores galas para celebrar o día da PATROA DOS MÚSICOS, santa Cecilia.
Soan os violíns... Comeza o concerto...
Amence...!!



                                                

No hay comentarios:

Publicar un comentario