lunes, 12 de abril de 2021

HISTORIA DE DOUS CAMPOS

  O Campo de Arriba é a alameda. Plátanos, bancos de pedra, parque infantil, fonte. O Campo de Abaixo é o centro neurálxico. Cafeterías, bancos de crédito, inmobiliarias, servizos administrativos, coches. A historia contemporánea de Rianxo é a historia dunha longa posguerra, tras a vitoria do Campo de Abaixo sobre o Campo de Arriba. As novas correntes humanistas deixan unha pregunta no aire. Que facer para que os rianxeiros volvamos ao Campo de Arriba lucir a roupa de domingo? Por que preferimos pasear polo Campo de Abaixo, entre os coches?

     Dicía Joubert que hai dous tipos de persoas. Os que recordan o colexio e os que recordan a infancia. Quizais os rianxeiros recordamos a infancia. A nosa infancia é o Campo de Arriba. Queremos protexelo? Dános medo que, se lle de damos vida, acaben pondo alí un banco de crédito? Esa é a teoría optimista. Hai outra, pode que máis realista. Recordamos o colexio. E o colexio é a cultura de chegar a ser algo na vida. Capitalismo financeiro. Memoria emocional desactivada.

     Dous exemplos:

     O Campo de Arriba está limitado ao norte pola capela da virxe de Guadalupe e ao sur polo Concello.

Fotos: La Voz de Galicia

Fotos: La Voz de Galicia

O segundo domingo de setembro celébrase na capela un dos actos máis importantes da vila. A misa solemne das festas de Guadalupe. As autoridades van en procesión desde o concello ata a capela. Polo Campo de Abaixo! Tras baixar (innecesariamente) unhas escaleiras, e subir outras.

     A principios dos anos oitenta un rianxeiro tivo un accidente laboral. Invalidez. Solicitoulle permiso ao concello para colocar un quiosco no Campo de Abaixo. A corporación deullo pero no Campo de Arriba. Non se podía condicionar o futuro da vila cun negocio tan modesto. Desde aquela, os rianxeiros subimos ao Campo de Arriba, compramos o periódico e ímolo ler a unha cafetería do Campo de Abaixo. Ninguén queda a lelo no Campo de Arriba. Nin sequera no verán, cando as copas dos plátanos ofrecen unha sombra familiar.

     Só algúns nenos manteñen a esperanza. Xogan ao fútbol no Campo de Arriba e, a miúdo, golpean con tanta forza o balón que supera a balaustrada, dá no capó dun coche aparcado no Campo de Abaixo e roda ata as buliciosas terrazas. Un neno baixa correndo, colle o balón e volve ao Campo de Arriba como un foguete.

     Nin que vira o demo no Campo de Abaixo.

X.Ricardo Losada

No hay comentarios:

Publicar un comentario