lunes, 8 de febrero de 2021

APROXIMACIÓNS A MANOEL ANTONIO (II)

 Como prometín, sigo compartindo con vós as miñas reflexións sobre o libro de Xosé Luís Axeitos Aproximacións a Manoel Antonio (editorial Axóuxere, 2020). Pero antes de nada, tratando de ser sincero, quixera facer unha aclaración. Aínda que Axeitos non me cita nese libro, sentinme interpelado en varias ocasións, no sentido de que me daba a impresión de que criticaba algúns aspectos da miña biografía sobre o poeta rianxeiro. Por moitas razóns, pero, basicamente, por unha. Teño lido practicamente todo o que se ten escrito sobre Manoel Antonio, e esas críticas só encaixan co meu libro. Como non quero que o lector pense que son un tipo que cre que o mundo xira ao redor de min, anticipo tamén que, sexa ou non certa esa suposición, é o de menos. O único importante son os argumentos, e que o lector non perciba nesta crítica acritude ningunha. Só busco compartir a miña experiencia de biógrafo coa do profesor Axeitos, por se podo axudalo en algo, como el me axudou a min coa coidada e metódica publicación da obra e do epistolario de Manoel Antonio.

     No primeiro texto que escribín en Café Barbantia manifestaba a miña sorpresa de que ao profesor Axeitos non lle chamase a atención que Manoel Antonio non reaccionase iradamente ante as manipulacións que Ánxel Casal fixo do seu manuscrito de De catro a catro. Agora voume centrar nunha desas afirmacións que me uliron a crítica ao meu libro, entre outras razóns, porque é moi estraño que Axeitos, sempre tan rigoroso, non aclare a quen llelas dirixe, e porque estou convencido (quero ser totalmente sincero) de que non facer ningunha referencia á miña biografía é unha decisión premeditada e consciente. A afirmación en concreto é esta: Temos expresado en numerosas ocasións a especial esixencia e a intensa paixón coa que Manoel Antonio tratou a súa obra literaria. (…) Estas preocupacións, que formaban parte da súa poética e que se mantiveron desde tempos adolescentes ata a súa morte, están acreditadas tanto epistolarmente como na propia creación poética e teñen unha decisiva importancia para entrar nas intimidades do poeta. Porque anuncian e modelan ao mesmo tempo unha ascética creativa e unha certa moral de traballo que necesariamente proxectan tamén unha conducta socio-política de perfeccionamento, incompatible con certos sentimentos corrosivos atribuídos arbitrariamente a Manoel Antonio.

     Como xa dixen no anterior texto, coincido con Axeitos coa primeira afirmación desta cita. Sorpréndeme moito o que di sobre as intimidades do poeta, pero prefiro deixar este aspecto para outra ocasión. Aínda así, antes de entrar no tema que agora vou abordar (eses sentimentos corrosivos…), quixera facer unha precisión metodolóxica, pois considero que é imprescindible para entender a forma de razoar de Axeitos e o que, ao meu entender, é o marco de prexuízos no que se move. Refírome a ese salto que dá desde afirmacións de feitos contrastados (neste caso, preocupacións acreditadas epistolarmente e na creación poética) a afirmacións ideolóxicas (conduta-sociopolítica de perfeccionamento). É o mesmo que facían os teólogos medievais. Da existencia natural do mundo deducían necesariamente (necesariamente tamén di Axeitos) a existencia dun Creador sobrenatural bondadoso e perfecto.  Como acabamos de ver, Axeitos deduce do natural perfeccionamento literario de Manoel Antonio, o perfeccionamento sobrenatural da súa conduta ética e política. Ou acaso quere dicir Axeitos que debemos deducir necesariamente de todo escritor perfeccionista e apaixonado coa súa obra unha conduta socio-política de perfeccionamento incompatible con sentimentos corrosivos? Como ben comprenderá o lector, sería absurdo. Pero aínda máis. Como xa deixei claro no anterior texto, Axeitos ignora todos os datos ou feitos que refutan as súas hipóteses. Un grave erro metodolóxico no que cae con frecuencia, e que, dado o rigor co que adoita traballar, só pode ser inconsciente, e por iso me animo a revelarllo: para que, se o ten a ben, o valore, e poida así evitar esa  impresión que nos dá aos lectores de que primeiro chegou por fe á conclusión de que Manoel Antonio tiña que ser divino e, xa que logo, perfecto —chega a dicir que Pero Manuel Antonio non mentía nunca (…)—, e, de seguido, dedícase a investigar, non para saber como era realmente Manoel Antonio, senón para consolidar o seu prexuízo inicial. Porei un exemplo. Lendo o epistolario de Manoel Antonio descubro que lle chama covarde e verdugo da xustiza a Dieste por estar na guerra de África loitando co exército español nunha guerra colonial, e deduzo que Manoel Antonio ten unha conduta socio-política de perfeccionamento (pacifista, anticolonialista, antepón a Xustiza á amizade), pero sigo investigando e descubro que na mesma época en que escribe esa carta, el, para conseguir a exención, estalles a facer regalos aos mandos dese exército, mesmo pon cartos para darlles un banquete, e compra o uniforme pois acaba matriculándose na Escola militar de Santiago. Que debo facer? Ocultar este último dato para que non estrague a miña hipótese ou buscar unha hipótese alternativa que me permita explicar dous feitos tan contraditorios? Non creo que o lector, nin o propio Axeitos, teñan dúbidas de que debe facer un biógrafo serio e honrado consigo mesmo e, sobre todo, cos lectores.

     En fin. É encomiable a devoción que Axeitos ten por Manoel Antonio. Mesmo me provoca esa tenrura que sinto cada vez que vexo unha nai entregada as vinte catro horas do día a un fillo. E, debo recoñecelo, cando o leo, experimento unha sa envexa. Eu tamén son devoto de Manoel Antonio, pero teño a desgraza, parafraseando a Aristóteles, de ser máis devoto da verdade.

    (Que me desculpe o lector. Os sentimentos corrosivos atribuídos arbitrariamente a Manoel Antonio temos que deixalos para outro día).

X. Ricardo Losada

No hay comentarios:

Publicar un comentario