lunes, 22 de febrero de 2021

APROXIMACIÓNS A MANOEL ANTONIO (E V)

 No seu libro Aproximacións a Manoel Antonio, Axeitos critica unha das principais teses da miña biografía do poeta rianxeiro, afirmando que non intuía no mundo unha dimensión escura e enigmática. A verdade, non me sorprendeu lelo neste libro, pois fora unha das maiores decepcións que me deparara a biografía de Axeitos. Negar esa realidade e convertelo nun ser humano e nun poeta só preocupado por cuestións sociais e políticas. “Ocorre”, di Axeitos, “que o social e a presenza do pobo na obra de Manuel Antonio é unha poética, non unha estética”(sic). Probas? Que o primeiro poema de De catro a catro só expresa o desexo de buscar a independencia de Galicia con ilusión e optimismo. (En que se basea, non o di). Que hai algún texto no que gaba os mariñeiros de Rianxo. (Hai bastantes máis nos que defende un elitismo intelectual moi crítico co pobo). Que en varios textos conecta con algunhas das inquedanzas das Irmandades. (Sen dúbida, pero moitísimos máis nos que conecta coas inquedanzas de Poe ou de Baudelaire ou de Nietzsche). Mesmo chega a afirmar que “De catro a catro é unha homenaxe aos homes do mar e ás súas paisaxes, do mesmo xeito que a obra de Machado Campos de Castilla contempla a paisaxe campesiña e os homes que a habitan”(sic). De feito dedícalle máis de cincuenta páxinas a transcribir o diario de navegación que Manoel Antonio escribiu no Constantino Candeirae que el xustifica dicindo que a súa lectura é “o perístilo que nos leva a De catro a catro”, pois nese diario aparecen ás veces “expresións que denotan unha emoción contida”. E pon como exemplo a seguinte anotación do noso poeta: “Mar fermoso e despexado o ceo” xa que, conclúe Axeitos, o mar “pode estar, dependendo da forza do vento, calmo, liso, groso, rizado, etc., pero non fermoso! (sic)”. E tamén para sinalar que cando Manoel Antonio escribe nese diario que “a 2 h pasa o Aurita por barlovento en bordo de E”, esa embarcación ben puido ser a inspiradora dun verso de De catro a catro.

     Nada máis saca en limpo Axeitos dese diario. Loxicamente, pois está escrito cun interese meramente burocrático, como demostra esta cita (na tradución ao galego de Axeitos, o orixinal está en castelán), tomada como cifra do conxunto:

     A tarde deste día e ata as 8:00 imos en volta de terra con todo o largo e Norte frouxo; viramos a esa hora un pouco a barlovento de Monte Dor. Ceo e horizonte despexados.  

     Porén, Axeitos non fai ningunha referencia, nun escritor no que vida e obra están fundidos, a textos coma este:

     O Mar é ese algo que non vemos, que xorde da auga e corre pola xerfa, sempre esquinando a nosa ollada inquisidora, e anda ás loitas co vento, facendo tolemias; que chopa na auga e mete o lombo debaixo da quilla para que o veleiro faga sobre o seu esforzo malévolo un equilibrio macabro, e volve xurdir, cada volta máis entolecido, e esforcea cos mastros onde as velas se tenden como arcos apuntando ao alén.

     É unha cita dun conxunto de textos que o propio Axeitos recolleu nas obras completas de Manoel Antonio (un traballo, sen dúbida, excepcional, e que merece o unánime recoñecemento da cultura galega) e que incluso titula con acertadísima inspiración Singraduras, e que, ao meu entender, si é o perístilo de De catro a catro. Como eu escribo na miña biografía sobre esta última cita, o lector ten dúas opcións. Primar palabras como mar, auga, xerfa, vento, quilla, veleiro, mastro, vela, ou primar termos como ollada inquisidora, loitas, tolemias, esforzo malévolo, equilibrio macabro, entolecido, alén. Para os primeiros, será o poeta do mar. Para os segundos, o poeta do misterio ou o poeta do Alén. Eu opto, sen dúbida, pola segunda opción. Aínda así, aceptaría sen ningún problema a primeira, sempre que se refira, por suposto, non ao poeta do mar dos mariñeiros, senón ao poeta do Mar, como diría o propio Manoel Antonio, sen fin.

     Permitan que o xustifique brevemente.

Non hai dúbida ningunha de que Manoel Antonio era un home de alma anarquista e de corpo arredista. Non hai dúbida ningunha de que tiña un compromiso vital moi meritorio e intenso co nacionalismo. Non hai ningunha dúbida de que tiña unha sincera e temperá preocupación pola inxustiza e a miseria na que vivían os mariñeiros da súa vila. Pero tampouco debe habela de que Manoel Antonio vía o mundo con ollos literarios: chega a dicir que tan aventura son as ideas exóticas que el tiña para un relato dun mariño como a experiencia de Dieste nas trincheiras da guerra en África. Nin debe haber dúbida ningunha de que o máximo afán da súa alma era ser poeta. Que tipo de poeta? Pensemos nos seus referentes literarios: a poesía francesa do XIX, principalmente Baudelarie, Poe e Nietzsche. Pensemos que se o anarquismo e o nacionalismo fosen substanciais para explicar a súa poesía, esta soaría sumamente artificiosa. Consideralo un poeta social é chamarlle pedante e retorcido, mesmo contrarrevolucionario, como farían os comunistas soviéticos. Pensemos na súa prosa literaria, cun forte carácter autobiográfico, e cuxos títulos (a maioría deles, suxeridos polo texto, segundo el mesmo recoñece, do propio Axeitos) xa indican por onde van os tiros: A cidade dos homes que non tiñan alma, O que o sol-por calaba, Novela vulgar, Terras d´ afora, Conto d´o afogado, O romeiro de Sant-Iago, Diario romántico.21025226_opt E lean A novela de Rodolfo Cruceiro, A novela de Ramón Cruceiro e demais relatos: barcos vellos ou varados na praia que gardan os segredos dos afogados, cruces de afogado, buguinas, ideas platónicas preexistentes buscando un recuncho onde aniñar, mortos superviventes, vellas da ribeira nas que o espírito de Rianxo percorre o seu propio cadáver, ollos de nenas cegas que non poden desprenderse do lonxe e do Alén, o Urco, o home do saco, o Xudeu errante, todos eles e calquera outra cousa que se lle poña por diante (a estraña poesía das cousas vulgares), como símbolos desa dimensión oculta na que vivía a súa alma máis profunda, e que permiten describilo, cunha expresión do propio Manoel Antonio, como un psicólogo do Alén. Lean a prosa de tema literario e cultural. Ata cando describe Padrón para unha revista das festas fala da Atlántida. Vexan as traducións que fai. O retrato oval de Poe, por exemplo, ou A morte do cisne, de Péret, ou Criolla morta n-o leito d´os sonos, de Rambaud. Léase o epistolario e véxase como describe Vigo, e como non o describe (a ausencia total dos problemas sociais, gravísimos, daqueles anos), como describe a súa relación cos piñeiros, coa chuvia, co solpor, coa brétema, coa noite, consigo mesmo. Léase, sobre todo, a razón da súa vida, a poesía, e véxase de novo esa dimensión misteriosa que o caracteriza. Nos primeiros poemas: Pedí con voz doliente y clamorosa / al hada de la Dicha, misteriosa, un rayo de su luz vivificante. Nos poemas intermedios: O roibén devecente / cinematografía encol d´o mar / n-o pano furado d´estrelas / un pensamento inconscente.  No seu libro de referencia: Ibas xuntando soedades/ Por un burato d´o Mar / chopaches un día a buscarte. Nos poemas finais: O noso corazón / —este marconi-/ a escoitar. Pois nada, para Axeitos, o escritor que repetía con frecuencia que para atopar algo debaixo do sol “compre revirar os ollos c´o de dentro para fora; nese reverso está todo”, só estaba preocupado pola sorte dos mariñeiros e dos emigrantes. É como afirmar, en sentido contrario, que a obra de Castelao é só artística, e non política. Non. É, sobre todo, política. A arte é un medio que usa para unha fin política. Pero, sentíndoo moito, ese non é o caso de Manoel Antonio. E por iso, porque Castelao só pensaba en termos políticos (no bo sentido da palabra), non podía entender a opción vangardista de Manoel Antonio. E por iso, porque a intención anímica e poética de Manoel Antonio non era política, non había posibilidade ningunha de que Castelao, a pesar do seu enorme prestixio, conseguise que renunciase a ese vangardismo que tan ben lle servía para manexar os intensos conflitos (por iso é un poeta auténtico) da súa alma misteriosa e enigmática.

     Podía seguir e seguir indefinidamente pondo exemplos e dando argumentos. Pero creo que é suficiente. Calquera lector honesto de Manoel Antonio capta na súa poesía, é dicir, na súa vida, unha dimensión enigmática e misteriosa. Negala é matar ese alguén que chora dentro de min por aquel outro eu que se vai no veleiro para sempre coma un morto co peso eterno de todos os adeuses.

      E iso ningún manoelantoniano de ben pode consentilo.

Post scriptum: Nunca pensei que chegaría a escribir textos como os desta serie que hoxe remato en Café Barbantia. Estaban publicadas dúas biografías moi distintas de Manoel Antonio e, cría eu, debían falar por si mesmas. Porén, Axeitos publicou un libro no que lexitimamente rebatía a miña biografía, pero, por facelo dunha forma que, ao meu entender, me falta ao respecto como escritor e como persoa, non me quedou outra que contestarlle. Estou contento de telo feito. Máis alá da inevitable, pero secundaria, polémica persoal, creo que estes textos meus en diálogo cos de Axeitos poden axudar a calquera lector interesado en Manoel Antonio a profundar no seu coñecemento

X. Ricardo Losada

No hay comentarios:

Publicar un comentario