martes, 26 de enero de 2021

POLOS VIEIROS DA SAUDADE, DE RAMÓN OTERO PEDRAYO

  Custoume unhas poucas páxinas entrar no libro. Había tempo que non lía un texto de Otero Pedrayo, e aquel estilo que me fascinara nos anos oitenta en Arredor de si, provocábame un certo rexeitamento, probablemente, penso agora, porque o comprara convencido de que ía ler unhas simples memorias sobre unha viaxe de Trasalba a Bos Aires, con paradas en Tui, O Porto, Lisboa, Río de Xaneiro e Montevideo. E diso trata o libro, sen dúbida, pero tamén, e sobre todo, dunha viaxe pola vasta cultura universal e pola barroca vocación de estilo dun autor para quen escribir é, sen dúbida, moi en sentido decimonónico, escribir bonito. Pero axiña recuperei a fascinación, e devorei o libro en dúas longas sentadas, abraiado ante a capacidade de don Ramón por mesturar nun mesmo parágrafo o prosaico (mesmo o científico) e o lírico, o popular e a alta cultura, o sensible e o intelectual, a calma chicha e os mares embravecidos, Pedro Madruga e Leopardi, o Deuteromonio e a grandeza do eido, do torrón e do fogar galegos, e todo cun idioma galego riquísimo e orgulloso de mostrar ao mundo a súa beleza e a súa eficacia.

      Debo recoñecer, porén, que levei unha enorme decepción cando, xa en Arxentina, pasaban os capítulos, en concreto vinte e dous, e apenas había referencias á figura de Castelao. Mesmo comecei a recordar, como necesidade de superar o agravio comparativo que estaba a experimentar (falaba máis de Arturo Cuadrado) que este mes o concello de Rianxo celebra os Actos Castelao e que Miguel Anxo Seixas Seoane presentará o segundo tomo da súa excepcional biografía sobre o ilustre rianxeiro, no que aínda non inclúe (vai de 1931 a 1939) a súa estancia en Arxentina. Pero, de novo, a desilusión tornou entusiasmo ao atoparme un último capítulo titulado Castelao. E un capítulo no que don Ramón esquece a súa vasta cultura, mesmo lle aplica coidados paliativos á súa vocación de estilo, e narra cunha emoción contida, pero desbordante (don Ramón perdoarame con gusto o paradoxo), o seu encontro con Castelao en Bos Aires. Estamos en 1947 e levan sen verse desde o San Xoán de 1936, e atópanse, grazas a Manuel Puente, que os acompaña, a Castelao e a Virxinia, no hotel no que para don Ramón.

     E, de seguido, o capítulo convértese nunha das máis fermosas gabanzas a Castelao que un ten lido ou oído. Por unha razón moi sinxela. O meu olfacto faime desconfiar de calquera demostración de amor expresada con barrocas e solemnes palabras, e cun medido e calculado estilo literario. Pero Otero Pedrayo consegue en todo o libro e, sobre todo, neste último capítulo, que o que en calquera outro autor me parecería un artificio, ou unha demostración de vaidade, apareza como algo natural e propio da súa extraordinaria intelixencia. Imaxinade, xa que logo, que puiden sentir cando, en referencia a Castelao, di: O seu vivir era sinxelo, os seus gustos case ascéticos. Con amor manxaba os seus cachelos e a súa carne arxentina. Levaba sen se decatar, inocentemente, a pesadume da súa gloria. Unha gloria non descida sobre a fronte de ningún galego dende o pasamento de Rosalía, como ningún xenio, agás de Castelao, ten alumeado na Nosa Terra dende a autora de Follas novas e o pasamento de Pondal.

      E que aquilo o dixese con total sinceridade quen, para a min, é o escritor galego de maior formación intelectual, elevaba aínda máis a Rosalía, a Pondal e a Castelao, pero, sobre todo, o libro que acababa de ler.


X.Ricardo Losada

No hay comentarios:

Publicar un comentario