domingo, 7 de diciembre de 2025

PATROA SANTA CECILIA


  Escóitase un afinar de violíns no Pazo da Ópera do Val. Érgome axiña e abro a fiestra,  sinto que amencen as Brañas dun xeito especial a pesares do frío, meu deus...

  Non sinto cantar o merliño, semella pampo na cruz da vella graneira, a atalaia na que acostuma a pousarse nada máis saír do niño...

  Aguzo oídos e ollos, e con que me atopo...?

  Unha morea de músicos esperan inquedos no estrado das Brañas, de riguroso frac negro e gravata amarela, a imaxe do merlo. Sobre o Pico Sacro está a piques de asomar o director do concerto...

  Ataviado coas mellores galas azuis e amarelas, o Val é un manoxo de nervios cando aparece coa batuta na man o astro rei...

  Axiña dará comezo a interpretación coa que "A Gran Orquestra da Natureza" rememora á súa PATROA SANTA CECILIA, como cada 22 de novembro...

  Soará "O Outono" de Vivaldi, non podía ser outra peza. Murmurios de abraio moi polo baixo...

  Enténdese así que pampe o merliño ollando o feitizo que é hoxe o abrente, mesmo a súa Alma, a imaxe do picapedreiro, cheire a eterna primavera...

  Será un sortilexio saído das profundidades da "Cova dos mouros" do Pico Sacro...?

  Sorrí o merliño, ou eso parece...

  Quizais sexa un soño...!!

  

  O Paraíso existe 




                                                                  Xaquin Miguéns Ces

No hay comentarios:

Publicar un comentario