domingo, 7 de diciembre de 2025

FORZAS EXTRAS


  Amigo merlo, deunos a chuvia unha tregua, amenceron as Brañas cun sol reparador neste luns de zapateiros de outono.

  Boa falta facía, Xaquín, porque o nordés arrefiou o Val de Rosalía, semella que o inverno xa está en camiño. Como di o picapaus, ou toc toc ou trino, non se pode ter todo, sería pecado de gula.

  Noto que non sinto as alas, merliño. Teño a impresión de que están gastadas de tanto uso, de que xa non son capaces de sosterme voando. A pesares, vou erguerme da cama.

  Quizais, Xaquín, teña a culpa a morriña na que envolve este tempo a aqueles que temos Alma de primavera, pero non esquezas que a vida sempre vai darnos segundas oportunidades...

  Calquer cousa é válida se nos sirve de paraugas para resgardarnos do sol que nos queime o corpo, ou da choiva que nos enchoupe a Alma...

  Amigo Xocas, abre o paraugas, e voa na procura dos soños por lonxe que os olles, pesada sexa a carga que leves nos brazos, as alas que che sosteñen, moitas as bágoas que esbalen polas meixelas, para conseguir saír adiante...

  Pode que teñas a sensación de que as alas xa deron de sí canto tiñan, pero sempre atoparás esas FORZAS EXTRAS que descoñecemos ata que nos vemos na obriga de botar man delas...

  De onde saen, Xaquín, no sabe ninguén, pero habelas hainas.

  Como as meigas, merliño...!!

  

  O Paraíso existe 




                                                                  Xaquin Miguéns Ces

No hay comentarios:

Publicar un comentario