Camiña paseniño o outono, amence este sábado o Val entre brétemas, mal augurio para coller o cicel e o martelo...
Dende a cruz da graneira, a súa atalaia preferida, canta o merliño que axiña o astro rei iluminará as Brañas, a deus grazas...
Non podo máis, necesito luz para limpar a mente de canto levo oíndo dende fai tempo, deixar a un lado o circo no que se convirtíu a vida política deste País...
Un circo no que os "políticos" seguen sendo as estrelas, "paiasos" que nos dirixen ata meternos nunha pota de barro para cocernos a fogo lento e convertirnos en ananos mentais, sen apenas queixarnos...
Semellamos anestesiados, merliño. A que se armaría noutros tempos...
Necesito lavar o cerebro, atopar a luz que me guíe, pensar no xeito de protexerme desta caterva de falabaratos que queren convertirnos en títeres, en "minusválidos" intelectuais...
Predicadores que tratan de facernos ver, dende o púlpito do medo e da mentira, que o fin do mundo para este País está preto, e que o merecemos por deixarnos guiar polos infieis, pero aí están eles para rescatarnos. Don Pelaio está de volta para de novo salvar a Patria...
Pobres "paiasos", coa língua movida polos intereses dos poderosos, e a Alma conxelada, tratando de convertirnos en monecos sen miolos...
Que triste velos reflexados nun pedestal, iluminados pola engañadora, rodeados por un áurea que non merecen.
Non te alporices, no pecado levarán a penitencia. E para un "paiaso", Xaquín, pior que meter medo aínda é DAR PENA.
Que tristura, merliño...!!

No hay comentarios:
Publicar un comentario