Esperto neste luns de zapateiros e non escoito o canto do merlo, mal presaxio, noto as Brañas tristes...
Sinto a choiva batendo nas tellas, érgome e dende a fiestra ollo o Val cheo de nubarróns...
Tamén a Alma... E o merlo, que non ten roupa de augas, di que non sae do niño...
Pode que non queira mollar o frac e a gravata, ou quizais os ten gardados para a "Juadalupe", que xa peta na porta.
Na mente do picapedreiro, máis ca un día de verán camiño dun pretiño outono, semella un "carrancudo" día de inverno. Todo é gris na súa Alma, e a maceta e o cicel descansando no banco...
Terá que botar man dos pinceis, pois a vida, por nublada que a olle, é un inmenso xardín no que medran os soños e debe voar ata eles por altos que aniñen...
Cada abrente é unha oportunidade de poder sorrir novamente...
Cada solpor unha véspera de Reis na que escribir unha carta pidindo un regalo.
Non canta o merliño, non vai ser doado o día, pero debo igualmente alonxar os medos e transformalo nun xardín que me sorprenda...
Meu desexo, e ben seguro que tamén o do Amigo merlo para tod@s cantos estades, que por escuro que vexades o ceo, levedes cada día colgado das alas o cartafol das cores e os pinceis...
Se queres que a Alma sexa UN XARDÍN no que floreza eternamente a primavera, píntaa de coloradas hortensias...
De arcos da vella ilusionantes...
De soños fermosos...
Según soñemos, voaremos ao erguernos...!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario