jueves, 31 de julio de 2025

NOSO DÍA

 

  Descansaban no banco martelo e cicel, pero hai días nos que é obriga tallar unhas verbas, mesmo non cheguen adentro e esteamos de vacacións...

  Espertan as Brañas dun xeito especial, co merlo feito un pincel. O día ben merece a estrea dun elegante frac negro e unha gravata amarela. Un trapo branco atravesado por unha banda azul celeste cólgalle das ala, non me preguntedes de onde o sacou ..

  Asubía aquelo de "Galicia namora", quere enfeitizar o Val, non sei se o conseguirá...

  Pode que sexan só imaxinacións dun loco picapedreiro, e soñador, tras unha noite de luces e pólvora, coa lúa sorrindo agochada detrás da graneira..

  Na lacena da Alma os arcos da vella que iluminaron o ceo da Capital co estourido de centos de foguetes na pasada noite, dándolle a benvida a un día grande para cantos amamos Galicia, o do Apóstolo e Patrón Santiago...

  Día da conmemoración e posta en valor da língua e cultura galega, da nosa idiosincrasia como pobo, hoxe tan necesitadas de apoio, Castelao na memoria....

  Un xeito diferente de interpretar a vida transmitido a través de xeneracións de galegos, a pesares dos moitos atrancos que os gobernos sempre puñeron diante, e ségueno facendo, a canto arrecenda a galego...

  Sen esquecer os valores dun pasado real e imaxinario, habelas hainas, depende de nós que sigamos mantendo viva a nosa historia, namorando ao mundo e medrando como pobo, dime o merlo rematando o seu canto.

  "Galicia namora" son algo máis que unhas verbas que saen da gorxa dun páxaro, ou da Alma dun tolo a través dun cicel...

  É un sentimento co que marchan de volta a meirande parte de cant@s nos visitan...

  Non son doados de levar os tempos que corren, pero algo debe ter o noso terruño para deixar tan fonda pegada nos corazóns...

  Marchan enfeitizados, como lle gustaría ao merlo...?

  Morriña, din que senten estando lonxe.

  Disfrutade do NOSO DÍA e, igual que o merliño, traxe, gravata e paixón...

  Feliz día da Patria...!!

  

  O Paraíso existe 



                                                              Xaquin Miguéns Ces

No hay comentarios:

Publicar un comentario