jueves, 31 de julio de 2025

"MARCHO, QUE TEÑO QUE MARCHAR"


  Non teño claro que por un tempo escoitédelo canto do merlo, de seguro non será polas Brañas...

  Perdón por anticipado, se o cicel e o martelo descansan por uns días no banco dende este luns de zapateiros, a cantos tedes a ben ler o que sente ou pensa o picapedreiro...

  Abro as alas coa idea de clarexar os sentidos antes que a vida ne atropele de todo. Foi o Amigo da Alma quen me recomendou unha viaxe ata o fin da Terra como reconstituínte...

  Faloume de praias virxes, de area branca,

  de cristais e pelouros...

  De augas frías, cristalinas, relaxantes...

  De mares de temporais, faros que alumean,

  barcos que naufragan...

  Dunha Terra de creenzas e mitos, virxes miragreiras, pedras que se abalan...

  De Sol, Mar e Ceo xunguidos da man en solpores de ensoño, pecados de luxuria inconfesables tralo horizonte...

  De miradas que no luscofusco falan de sentimentos...

  De imaxes de postal nunha Costa da Morte, e de Vida a un tempo, onde a Alma é quen de acumular a enerxía que necesita se consigue abrir de par en par as portas da lacena.

  O fin da Terra non queda tan lonxe como parece a primeira vista...

  Quizais sí para que o merliño me acompañe voando ata esa gran descoñecida para tanta xente...?

  O paso das horas será quen fale...

  Ou quen cale...

  Cantas veces o silencio é dono do que sentimos...

  "MARCHO, QUE TEÑO QUE MARCHAR" din por aqueles lares, onde a miúdo o vento nordés "acariña" os beizos dos mariñeiros...

  Farao coa miña mente...?

  Seguindo o consello do merlo Amigo, alá vou voando para comprobalo...

  Ser felices...!!

  

  O Paraíso existe 



                                                                Xaquin Miguéns Ces

No hay comentarios:

Publicar un comentario