Érgome pensando o por que a Alma pasa de cando en vez pola escuridade, e nen as cores da Natureza son quen de alimentala...
Sae o sol por enriba do Pico Sacro falando nunha linguaxe que non entendo...
Mágoa que o arcoiris que semella o ceo, o toc toc do pica paus na carballeira, o canto do merlo Amigo que se escoita polas Brañas ao abrente, non diga nada algunhas veces ...
Últimos días do mes das flores, debulla maio os derradeiros pasos, camiña depresa unha primavera da que teño a sensación que me foi arrincada da Alma, merliño.
Xocas, ti tela culpa. Recorda que foi túa a decisión de desaparecer por un tempo, apeituga coa parte que che toca...
Non digo que non tiveras motivos dabondo para elo, Xaquín, pero pousar o cicel e o martelo cando precisamente a primavera petaba nos cristais non sei se sería o máis correcto...
A vida é unha melodía, e ti elixes a música que vai acompañarche no diario camiñar...
Do que escribas no pentagrama dependerá o que escoite a túa Alma, o importante é bailar a pesares dos problemas...
Un pasodoble, unha muiñeira, ou unha lenta dos setenta, como dicía unha Amiga que xa partiu, apertas alá onde te atopes, Elena...
Elixistes máis silencios que redondas ou corcheas, agora non bótelo balón fóra, Xocas.
Non era a miña intención, merliño, só pensaba en voz alta. Sei que a música e a vida van sempre collidos da man, pero cantas veces o silencio é quen máis fala...
É o sorriso que nos alimenta...
Anaquiños musicais con encanto que necesitamos escoitar de vez en cando...
O BOLERO TRISTE E ROMÁNTICO que nos guía cando non alumean as farolas da paixón e se fai de noite na Alma...!!
O Paraíso existe
Xaquin Miguéns Ces

No hay comentarios:
Publicar un comentario