Esperto coa sensación de telo corpo molido, como se pasase a noite loitando dun xeito encarnizado nalgún inferno...
Levántome pensando se terá a culpa o lume ardendo que semellaba o solpor de onte, cando nada máis saír á fiestra para ollar o Val escoito que debo abrir novamente o roupeiro e vestir a armadura, o escudo e a espada, que comeza outra batalla...
Por diante o combate da vida, ata que o sol desapareza de novo no horizonte e poida axeonllarme para dar grazas, ou pedir axuda para eliminar pantasmas...
Non hai, Amigo Xocas, outro camiño que che leve ata o destino, que non sexa o de manchalo traxe.
Quen así canta nesta mañá fresquiña, e co sol xa escintilando nas Brañas, non é outro que o Amigo merlo...
Canta razón envolve o seu trino, penso para os meus adentros.
Medramos, Xaquín, grazas ás batallas que a diario libramos, sobre todo ás que perdemos, a fincar o pé no barro, non ás que sen suar unha gota ganamos...
E cando vaia anoitecendo, co sol dicindo adeus sobre os Castros, e antes de que a lúa ensoñadora asome e teña oportunidade de trabucarnos, co fume e as chamas falando dunha feroz loita, é momento de facer reconto das feridas, lambelas, e pórlle esparadrapo...
Escríbese así, Xaquín, o diario combate da vida.
Cantas veces, merliño, SANGUENTO...!!
O Paraíso existe
Xaquin Miguéns Ces

No hay comentarios:
Publicar un comentario