Noite de medos, de soños co home do saco, un tal "Martinho" cargado de chuvia e de vento...
Esperto cos miolos aínda na artesa, non dan levedado...
A celebración dos cumpreanos de Xoel e Vanesa teñen a culpa, oxalá por moitos máis aínda que os anos non perdoen e xa non esté para moitos trotes...
Debo dar grazas antes de nada por tantas mostras de agarimo pola vosa parte, e pedir perdón a un tempo porque onte chegou a primavera e pilloume o touro, nin mentei o feitizo, eu que tanto a adoro...
Érgome, onde vai o abrente, non escoitei o galo do veciño, e mira que aturuxa o garboso...
Escoito cantar o merlo, que estraño, a resaca dúralle días, sin embargo o trino sóame a poesía...
Non che esperaba, merliño.
Xaquín, eu tamén debo axeonllarme por faltar onte á cita, non me respondía a gorxa, nen recordaba onde deixara a gravata...
Pero aquí me tes xa recuperado, hoxe é o DÍA MUNDIAL DA POESÍA, e non hai mellor xeito de celebralo que espallar o meu canto feiticeiro para aquel@s que teñan Alma para escoitalo...
Non ía deixar que foras ti quen co cicel e o martelo lles contaras como esperta o día nas Brañas, merecen algo mellor que as verbas dun picapedreiro.
Semellas co peito hinchado, espertastes jodedor, co sarcasmo no peteiro por bandeira, o licor café fai miragres, larpeiro...
Con "Amigos" así non necesito inimigos, pero non vou respostarche, na fiestra deixei colgado un pano branco, sei que o que tallo non é poesía, só pensalo sería un atrevemento, nunca foron amigas miñas as musas, e non é día de pelexarme con elas...
Pero é o que sinto, merliño, e quen teña ollos na Alma, mirando as hortensias xa florecidas, seguro que será capaz de imaxinar, máis alá do que diga o cicel dun picapedreiro das verbas como ti me alcumas, a música duns violíns revoando como enmeigadas bolboretas.
Que pouco sentido do humor, Xocas. Co paso dos años a masa do cerebro tarda cada vez máis en levedarche, deberías pensar en cambiar a artesa, parece furada por un picapaus, ou quizais lle entrou a carcoma...
De calquer xeito, Xaquín, feliz primavera...!!
O Paraíso existe
Xaquin Miguéns Ces

No hay comentarios:
Publicar un comentario