lunes, 10 de marzo de 2025

SEDANTE NUN GOTEIRO...?


  Amenceron as Brañas vestidas cun frío traxe neste luns de zapateiros...

  Parecen necesitar da cor do canto do merlo, igual que a miña Alma.

  Quítalle, Xaquín, esas roupas vellas de choqueiro, fondéallas no río, e disfrázaas co traxe de raíña do carnaval...

  Terás así un relaxante goteiro no que poder enchufar as venas da Alma.

  Sinxelo padricar, merliño...Dificultoso para un picapedreiro tallar unhas verbas coas que disfrazar as Brañas de tranquilizante. Con todo, alá vai co cicel e a maceta :

  Asoma pouco a pouco no horizonte unha estrela, co manto de rei sol tomando o relevo da noite...

  Semella ir guiando o abrente un bando de gorrións, na procura duns grans de millo voan arredor da graneira...

  Adiantouse a primavera, contan as follas xa medradas das pólas da mazanceira...

  Hieráticos un en fronte do outro, co "traxe de bonito", o Treito e o Xesteiras forman o corpo de garda dun Ulla que baixa polo Val cómo se fose unha serpe...

  "Espido" o Meda e co disfraz de "Xeneral" o Pico Sacro, presiden na lonxanía a posta en escena dun luns de farra...O seu sorriso de orella a orella fala claramente do desenfreno que se vive...

  Dicía Charlot que un día sen sorrir era un día perdido...Non facelo nestas datas é perder un ano enteiro, pensa o picapedreiro.

  Era Chaplin, Xaquín. Charlot, o do bastón, non falaba.

  Merliño, cántas veces non fai falla nin abrila boca para dicir cousas, témolo mellor exemplo na Natureza...

  Mira no alto do ceo a maquiavélica lúa que nin pestañea. Cres que non fala...?

  Disfrazadas de ansiolítico amencen as Brañas neste luns de entroido...

  SEDANTE NUN GOTEIRO...?

  Xa quixera...

  Só quedaría enchufar e abrilo vial...

  Gota a gota iría caendo na Alma.

  E a dose, Xaquín.?

  Amigo merlo, vén sen prospecto este relaxante...

  Cada quen a que necesite, di a lúa antes de marcharse...!!

  

  O Paraíso existe 




                                                                    Xaquin Miguéns Ces

No hay comentarios:

Publicar un comentario