domingo, 1 de diciembre de 2024

ETERNO 10


  Cada loco co seu tema, merliño, e onte foi un día triste para aquel@s que amamos o fútbol de verdade, celebrouse un novo aniversario da morte dun Deus do seu Olimpo, Maradona, o 10 por excelencia, o máis grande poeta que eu vin recitar versos cos pés nun campo de fútbol...

  Co balón por pluma e o céspede por caderno, debuxou os máis fermosos poemas nas torcidas ringleiras dos terreos de xogo, fuxindo a miúdo duns fouciños que segaban algo máis ca herba...

  Tocado pola variña máxica dos xenios, saíu da súa chistera nun campionato do mundo o gol máis fermoso da historia, non nun evento calqueira...

  "Deus baixou á Terra e vestiuse de futbolista", narraba, loco de atar, un comentarista da Arxentina...

  Cargou ás súas costas coa albiceleste, conseguindo conquistar o Campionato do Mundo de México 86...

  Agradecemento de por vida por parte dos seus paisanos, con honras reservadas ás máis grandes personalidades nun País onde o fútbol, merliño, é algo máis que unha relixión.

  É o que teñen os deuses, Xaquín, son considerados eternos, inmortais, aínda que neste caso haxa quen lle poña algún pero.

  Amigo merlo, a imaxe que cómo persoa deixou  Diego Armando é outra historia, non é o día para valorala...

  Se o mundo enteiro segue falando do "Deus Maradona" é polas poesías que compuxo cos pés e unha pelota...

  Xa sei que de fútbol eu pouco, seguirán dicindo tantos, pero digo o que sinto, que se foi o máis grande futbolista que vin pisar un terreo de xogo...

  Deixóunos o 10, número reservado para os bos cando ao fútbol se xogaba sobre todo no "pasto", que diría don Alfredo, outro grande...

  Fago un inciso para dicir que algúns aínda o seguen levando hoxe, cando se xoga nos medios de comunicación e nas redes máis que no campo, a miña admiración para Iago Aspas, "o mago de Moaña", continúo...

  Non tiña Maradona unha bota, nin sequera un guante, no seu bendito pé esquerdo, era unha variña máxica a que calzaba e coa que dirixía a seu antollo os concertos...

  Mesmo usou algunha vez a man para escribir algún "verso", a famosa "man de deus" que xamais esquencerá Inglaterra, ata hai que ser bo para elo...

  Era obriga, larpeiro, adicarlle ao "Pelusa" unhas verbas por parte dun picapedreiro que leva o fútbol no sangue, non deixan de ser sentidas mesmo non alcancen...

  Con Distéfano, Cruyff e Pelé estará agora mesmo parolando, fumando un habano e tomando unha copa no "Olimpo dos Deuses do Balón", ao que nun futuro, oxalá lonxano, poderá subir Messi, outro xenio, e quizais algún máis...

  Mil perdóns se alguén non entende estas verbas, e cre que hai cousas moito máis importantes que o fútbol das que deberiamos preocuparnos...

  E teñen razón, merliño, daí a reflexión que subín onte, e as miñas dúbidas sobre se subir ou non a do aniversario do seu falecemento.

  Coido, Xaquín, que non cometes ningún pecado falando da túa administración por un mago do balón que se foi, aínda que cómo persoa noto que no tes idealizado.

  Merliño, falo só do futbolista, repito de novo, pode que algún día o faga sobre a persoa de Diego Armando ...

  Descanse en paz o gran poeta Maradona...

  ETERNO 10...!! 

  

  O Paraíso existe 


                                             
                                                                  Xaquin Miguéns Ces


No hay comentarios:

Publicar un comentario