Pediame o corpo pousar o martelo e o cicel por un tempo, non pensei que sería tan pouco.
Temos Alma, e hai días nos que é obriga gravar unhas verbas, ben sexa coa buxarda ou coa pluma, para que o canto do merlo as espalle o vento máis alá das Brañas, se é posible.
Saíu voando onte pola tarde o merliño. Irá ata a Capital, pensei, a ollar os fogos do Apóstolo, arcos da vella iluminado a noite de efémera poesía, debuxada no ceo con lápices de mil cores, unha das súas debilidades.
Trabuqueime, nada novo, é un páxaro con pingas ao que lle chove a miúdo, nunca sabes.
Colleu camiño do "Paraíso" e pasou parte da noite revoando pola enseada de Rianxo ata acabar lendo axeonllado o anaquiño do libro "Sempre en Galiza" gravado no recuncho que Castelao ten adicado no "Paseo dos Artistas" mentres no ceo, coa lúa ensoñadora debalada e presidindo, imaxinaba os fogos artificiais que lle daban a benvida a un día grande para tod@s cántos amamos a nosa querida Terra.
Frac negro e gravata amarela impolutos, non podía ser doutro xeito, para conmemorar a posta en valor da língua e cultura galega, nosa idiosincrasia, un xeito diferente de interpretar a vida...
Un sentimento que agora mesmo sae da pluma dun merlo ou da Alma dun picapedreiro, que máis dá, ámbolos dous teñen pingueiras...
Non lles importa, só buscan cunhas poucas palabras pór o seu pequeno gran de area na loita para que xamais se perda ese arrecendo a Nación.
Pode que sexa un soño cánto fala este loco, ou quizais un desvarío por culpa da calor da noite, estarán pensando aquel@s que non senten o seu pobo cómo elemento diferenciador duns valores gravados a lume na Alma.
Mesmo así, FELIZ DÍA DE GALICIA...!!
O Paraíso existe
Xaquin Miguéns Ces
No hay comentarios:
Publicar un comentario