Coas brétemas non acaba de clarexar o ceo das Brañas, os meus miolos tampouco...
Logo da cantarela de onte, o Amigo merlo díxome que non ía saír do niño ata que a fame lle fixera cóxegas na barriga, e que tivera ben claro que non era cousa dalgunha merla ou xílgara, que pousara a buxarda por uns días ou que picara pedra eu solo...
Pensei en deixar o martelo, como me dixo, e coller a pluma e abrir o tinteiro, non é o meu, desistín...
Tratei de buscar axuda por outro lado, pero aquelo que se escoita nos mentidoiros que se vai ó carallo o oficio de canteiro, que xa non hai rapaces que queiran aprender a bater coa maceta para darlle forma a unha pedra, debe ser verdade cando un picapedreiro coma min non deixa de ter encargas...
Non sei cómo meterlle o cicel á pedra que teño díante, pero hoxe é obriga tallar nela unhas verbas:
No verán tódolos días estouran uns foguetiños de mañá cedo nalgún pobo ou aldea da nosa querida Galicia. Teñen por motivo recordarnos que son días de traxe e gravata, que a troula está servida, festeiriños deunos deus, que llo pregunten ao merlo...
Racharán as bombas de palenque o ceo da miña querida Taragoña dende hoxe, xoves, ata o domingo, catro días nos que celebran as festas de verán "os cangrexeiros"...
E vaia festas, semella que botaron a casa pola ventá coa contratación de orquestras da sona de Panorama e París de Noia entre outras, que ateigarán de xente as noites do Campo de Maneiro como fai tempo non se recorda, aínda que eu sexa máis de gaitas e foliadas...
Bandas de música para dar concertos, gaiteiros para alboradas e todo tipo de actividades, mesmo xantar popular co que xunguir lazos, farán a ledicia de grandes e pequerrechos...
Parabéns á Comisión polo duro traballo, e desinteresado, ao longo de todo o ano, e a todos cántos contribúen para que a parroquia disfrute duns días de joldra...
Amén de tódol@s forasteir@s que queiran unirse, serán benvidos coma sempre neste anaco do Paraíso do fondo da Ría de Arousa...
Por certo, aínda que non lle roian as tripas coa fame, dubido que o larpeiriño do merlo siga no niño cando se entere, ata durmindo e ao lonxe ule unha festa, jajajaja...
Quizais ata sorría a cheminea da praia da Torre, un dos símbolos da parroquia, vendo como queima as alas algún páxaro nunha silveira mesmo sexa espazo libre de fumes, as festas e as noites dan para tanto...
Querid@s Amig@s, gardo martelo e cicel por uns días...
GOZÁDEAS...!!
O Paraíso existe
Xaquin Miguéns Ces
No hay comentarios:
Publicar un comentario