sábado, 15 de junio de 2024

IDIOTAS FALABARATOS


  "Se a Natura non dá..."

  Descansan as subelas e os coiros no banco dos zapateiros, é luns. Pero non a primavera que segue o seu ensoñador camiño para aquel@s que senten coa Alma, mesmo a alguén lle doa...

  "Aí vai o loco das reflexións e das fotografías",  escoitou onte o merlo mentres daba un pequeno voo polo ceo do Paraíso...

  Saíu da boca, non do cerebro que non ten, dalguén que cre sabelo todo e mira aos demais por enrriba do ombreiro porque de pequecho foi a un colexio de pago, non digo educouse. Considérase por elo capacitado para xulgar vidas alleas sen antes ver os zapatos que calzan, moito menos calzalos...

   Prefiro os páxaros da miña cabeza, o merliño revoando libre por entre os miolos debuxando nun papel os sentimentos que lle provoque un abrente, que as xaulas nas que están presas algunhas catetas mentes...

  IDIOTAS FALABARATOS, aos que lles vén a pelo o de "... Salamanca non presta".

  Debería levantarme de mellor talante, saíu o sol coa paleta e pincel na man neste novo luns de zapateiros, de amarelos pintou o ceo das Brañas...

  Pero cada quen é do xeito que o pariron, as reclamacións a Amparo, bicos e apertas mamá alá onde te atopes, i entre abrir a billa do barril da bile ou pechar para sempre o tinteiro, dime o merlo que elixa o primeiro por pobres que sexan as verbas que pinte...

  Ao tempo que abanea as follas da viña, os tomates da horta e refresca tamén os beizos, oxalá refrescara cerebros o nortiño que sopla.

  Nen caso ao que digan, Xocas. Endózate cunha bicada de deuses, canta o merliño dende unha cereixeira da beira do río.

  Que caladiño que o tiñas, larpeiro...!!

  

  O Paraíso existe 



                                                                  Xaquin Miguéns Ces

No hay comentarios:

Publicar un comentario