martes, 25 de junio de 2024

HABELAS, HAINAS


  Quero unhas cereixas de Beade ou da Laracha, díxome de mañá cedo o larpeiro facendo patria.

  Traxe, gravata e saín voando...

  Non sei se mal e arrastro, pero sí que chego tarde á cita con vós, Amig@s da Alma, neste primeiro domingo do verán por facerlle caso.

  Non me botes a culpa de todo, cóntalles a verdade e dilles que quedastes papando unhas tapiñas de polbo á feira con pan de Carballo e unhas cuncas de viño tinto daquel que mancha o fuciño, e que todo se desmadrou, Xocas. A pesares chegas, que non é pouco, jajajaja.

  Non podes estar calado nunca, merlo do carallo, fun facer a compra ao mercadiño para esta noite tan especial...

  Vén de vello o refrán que nos recorda que por San Xoán a sardiña molla o pan, pero xa nada é o que era, non sei se para ben ou para mal bótase cada vez máis man do churrasco...   

  Enriba, este ano as sardiñas nen o pan mollan, falan os que saben desto que están sen graxa polo escesivo quecemento da auga do mar, xa leva un tempo petando na porta o cambio climático...

  Pero mentres teñan sardiñas e pan, i este ano semella o mar estar sembrado pois nen as de Rianxo subiron de prezo, non van preocuparse os negacionistas, merliño.

  Atópoche un pouco contestario no día da noite meiga... "Era o viño, meu pai...", que di a canción, non tes remedio, Xocas, jajajaja...E xa pensastes onde ás recoller as herbas recendentes que deberás deixar en auga ao orballo da noite.?

  Amigo merlo, chego tarde porque o paseo pola beira do Ulla foi longo, aínda que me serviu para matar varios páxaros dun tiro...

  Por unha banda despexar os miolos, boa falta que tiñan. Por outra, mirar por unhas canaveiras ás que atar os pementos e protexelos así do vento, e, como non, cachear algunhas das herbas que non hai polos arredores da casa, o hipérico, a herba de san Xoán que medra nas beiras dos camiños e arranxa os males da reuma cunhas fregas...

  Fiúncho, romeu, herba Luisa, malva, fento...ata completar as sete, atadas nunha manllada dentro dunha palangana, farán un auga milagreira dun especial arrecendo coa que purificarnos pola mañá, logo dunha longa noite de troula, a noite de San Xoán, a gran noite meiga.

  Vexo que estás ao loro das crenzas tan arraigadas nesta querida Terra, e tamén que ti non quixestes esperar á noite para comezar a festa, Xaquín.

  Un día é un día, merliño, jajajaja...

  Oxalá perduren polos séculos na memoria das nosas xentes, mágoa xa non haxa arados nen carros, e os cancelos sexan agora portais imposibles de arrincar, os que teñen unha idade saben ben de que estou falando, tempos aqueles, larpeiro...

  Esta noite comeremos sardiñas asadas, outros churrasco, con cachelos e pan de broa, beberemos un bo tinto da terra acompañado todo de moita farra, rematando co conxuro da queimada, algunha que outra borracheira e o salto da cacharela para afastar de nós, pobres mortais, doenzas e meigallos...

  Nada mellor que unhas imaxes da miña querida Terra adoptiva, San Xoán de Laíño, reflexadas nos hórreos da Lavandeira para desexarvos unha máxica noite. Eso sí, con sentidiño se mañá queredes escoitar cedo o trino do merlo Amigo mentres lavades a cara coa auga das herbas.

  Curuxas, sapos, demos...É a gran noite das meigas, Xaquín, nas que moit@s non cren.

  Pero HABELAS, HAINAS, merliño...!!

  

  O Paraíso existe 



                                                                  Xaquin Miguéns Ces

No hay comentarios:

Publicar un comentario