domingo, 17 de marzo de 2024

VALORES FIRMES

 Tardei en saír do niño, cousa rara en min...

  Soñei xa de madrugada cun fachendoso veciño que tiña cando Ourolo era meu berce, anda que non choveu...

  Quizais sexa o motivo de espertarme cunha forte dor de cabeza e levantarme con mal pé...

  O merlo, que me coñece mellor que ninguén,  sorrí mentres espalla un trino que me custa descifrar...

  Poderías explicarme, merliño, o por que do teu canto e da fotografía.? Semella que os meus miolos hoxe non van levedar.

  Ai Xocas, Xocas, que vello vas...

  O cerebro humano non dá puntada sen nó, os soños transfórmanse en pesadelos coas obsesións, Xaquín...

  O vídeo que casualmente onte á tarde caíu nas túas mans mentres paseabas polo fermoso paraxe de Mina Mercedes, no que unha persoa era xulgada polo seu pobre vestir, é sinal de que as verbas daquel teu veciño fanfarrón quedaron gravadas a lume no teu cerebro de neno: "En Taragoña só hai dous cidadáns de primeira, Pachín e máis eu, os demáis son de terceira".

  Estráñaste, larpeiro...? Para aquel falabarato non eramos nen de segunda división.

  Recorda, Xaquín, que só un cateto mental xulga ás persoas polo seu niño de procedencia ou polas riquezas que atesoura...

  Na lagoa da vida tod@s temos que chapotear, pero non tod@s teñen a sorte de nacer cisnes, á maioría de nós a sabia Natureza dinos " ti pat@, merl@, xilgar@, focha..."

  Cidadáns de terceira por elo, merliño, ou por non poder vestir a diario o traxe do domingo como fai el.? 

  Aí quería chegar, Xaquín. A verdadeira riqueza levámola dentro, o resto non é máis ca un soño, unha fachada que pode descuncharse co paso do tempo para deixar á vista unha Alma pobre, mesmo oca...

  De nada valen as riquezas das que dispoñas se na lacena da Alma, dentro das caixas de cores, non gardas VALORES FIRMES, Xocas...

  Aparte de cisnes brancos, na lagoa da vida tamén hai pat@s cun interior marabilloso...

  Ás verbas, nen caso...!!

  

  O Paraíso existe 



                                                                 Xaquin Miguéns Ces

No hay comentarios:

Publicar un comentario