"...Non sei se paga a pena seguir vogando".
Así remataba onte a reflexión, e sonou nos meus miolos durante gran parte da noite.
Esperto cedo, sonche de pouco durmir, o que non me impide estar activo polo día. As horas da noite soen facérseme interminables, por elo agradezo a hora que nos quitaron de sono, e de confinamento...
O meu reloxo biolóxico está preparado para levantarme co amencer, e antes de nada abrir a fiestra e ollar o Meda, Cesures, Laiño, As Brañas, o Ulla...E como saúda o sol mentres vai acariñando cos beizos dos seus amarelos raios todo o Val...
É a vitamina que necesito para que empece a a Alma a voar...
Logo virá froita, café, leite... Temos que seguir, remando.
Carallo, como te coidas, Xaquín. Ese almorzo, antes de votarse a andar, é de moi sibaritas.
Pensei, querido merliño, que hoxe por ser domingo non ías vir a charlar, mil grazas, é de agradecer.
Para a Natureza, Amigo Xocas, non hai domingos nen luns.Tódolos días son iguais, unha mezcolanza de buscarnos a vida, e de plácida subsistencia...
A única présa que temos é para alimentarnos, e sempre cun inmenso respeto a todo que nos rodea. É a lei da Natureza, algo que fai moito tempo os humanos deixástedes de facer.
Cres entón, merliño, que o coronavirus é un castigo, un xeito de decirnos que non merecemos o Planeta no que vivimos...?
Dubídalo, Xaquín...? Queredes pensar, como algunhas mentes preclaras de dirixentes, que xa a tiveron que envainar, que só é un xeito de seleccionar...?
É verdade que leva por diante, sobre todo, enfermos e anciás, pero tamén a outr@s que nada teñen que ver con estas "patoloxías".
Que conclusión vas sacar.?
A máis importante, Amigo merlo, que esta sociedade veu ata o de agora a ancianidade coma eso que ti dís, unha PATOLOXÍA máis, un estorbo...
Que tristura para as Almas, paga a pena vogar...?
Non me interesa un mundo onde o único que importa son as présas, o diñeiro, o trepar...
E, se fai falla para correr máis lixeiros, deixar de lado a aqueles que xa non poden seguir o ritmo que a vida impón. Abandoar a quenes nos trouxeron á vida, e logo deron a súa coma leós por sacarnos adiante e loitaron por un mundo mellor para tod@s nós.
E cres realmente, Xaquín, que algo vai cambiar ? Que sodes capaces de sacar algo positivo desta pandemia...?
Agora todo son apertas, aplausos, promesas, solidaridade.
Por parte da poboación, merliño.
Aí quería chegar, Xaquín. Ou non estades a notar que na clase dirixente xa empezaron as pelexas, as disidencias, o mirar para outro lado, a culpa é de tod@s menos miña...
É o carto, o cancro da sociedade. Temos un bo exemplo no trasatlántico da C.E.E, ese barco no que din que todos imos a resgardo, pero mentras uns viaxan en luxosos apartamentos con fermosísimas vistas da costa, outros van remando baixo cuberta, vendo como o mar lles bate no ollo de boi, dende o que con sorte poderán diferenciar o día da noite...
E se lles pides axuda, porque o temporal non che che deixa ver o que hai fóra, atopas como resposta un sálvese quen poida...
Solidaridade, aplaudir a tódolos que deixan a vida cada día por vós, pensas que vai durar, vendo este tipo de exemplos, Xocas.?
Gustariame pensar que sí, merliño, que non é unha utopía crer que a raza humana ten memoria e intelixencia, e que esta reacción vai durar no tempo.
Eu, dende a miña rama, e como neutral observador, non o teño tan claro, Xaquín. Espero que dure algo máis do que a cervexa cando vos deixen poñer o pé fora da porta.
Se así non é, merliño Amigo, é que desta crise non aprenderiamos nada...
Os cementos da sociedade están corroídos por un montón de fátuos valores que, agora que o derrube está tan preto, vemos non teñen a importancia que pensabamos.
Volvo a decirche, Xaquín, que é moi bonito todo canto ti dis, pero permíteme seguir sendo excéptico dendo o coñecemento que me da velo todo dende outra perspectiva, o voo dende o alto...
Tí, polo xeito que tes de sentir e de vela vida, confías en que me trabuque.
Estás facéndome ver que non paga a pena seguir vogando, larpeiro.?
Saberédelo o día no que xa non sonen os aplausos das 8 da tarde, porque de novo se transformaron en vítores para o os futbolistas ás 9, hora de Champions.
Será o punto e aparte, merliño. Deixarei de coller o remo e baixareime do barco, porque o Planeta irase a pique, como se fora o Titanic.
Mentres, traxe e gravata, é domingo...
Un xeito de seguir crendo na humanidade...
Voguemos...!!
O Paraíso existe
Xaquin Miguéns Ces
No hay comentarios:
Publicar un comentario