lunes, 5 de febrero de 2024

PRELUDIO DA PRIMAVERA

  

  Paga a pena seguir vivindo...?

  É a pregunta que me revoa polos miolos dende fai tempo cando me esperto...

  Amence unha mañá fría no Val do Ullán, arrefría os beizos o nordés que o percorre seguindo o curso baixo do río...

  A pesares, é obriga saír ao balcón para inmortalizar o abrente...

  Entre refachos, na cruz da vella graneira, canta o Amigo merlo unha moi belida melodía...

  Preto, nun camelio, fóra do niño, respóstalle unha guapa merliña desafiando tamén o frío.

  Atópoche pampo, Xaquín. É raro que ti esqueceras a festividade que celebramos.

  Amigo merlo, foi toda unha sorpresa sentir de novo a maxia dos amenceres i escoitar a música dos paxariños, seres especiais que rachan o silencio das mañás e que revoan polos ceos daquelas Almas capaces de escoitalos.

  Aí tela resposta á túa pregunta, Xocas. Paga a pena vivir aínda que só sea para descubrir os tesouros que ten agochados a nai Natureza.

  Dito así, merliño, soa ata bonito. Pero dame que a comprensión é difícil para a meirande parte dos mortais...

  Un novo espertar á vida, PRELUDIO DA PRIMAVERA, a máis fermosa sinfonía de cores,  insinuada polo florecer das mimosas nos montes e os narcisos nos vados dos camiños, da que tan necesitada me atopo e que semellaba aletargada polo duro inverno.

  É un dos moitos xeitos cos que vos recorda a Natureza que tédela obriga de coidala para goce das xeracións vindeiras...

  A pesares do convulso que está o Planeta, culpa vosa, non o esquezas, as agullas do reloxo seguen xirando e medio inverno xa vai fóra, Xocas.

  Ao abrente, escóitase a música dun tiovivivo...

  Estouran os foguetes dende ben cedo, na  outra banda do río é festa rachada...

  As mulleres, coas cestas de lacóns á cabeza, van en procesión por Vilar, Vilarello..., camiño do adro da igrexa de Cordeiro para a poxa...

  Nas Brañas todo é barullo e sorrisos...

  Casan hoxe os paxariños, é o día da Candeloria...  

  Traxe, gravata...

  Que menos...!!

  

  O Paraíso existe 



                                                                 Xaquin Miguéns Ces

No hay comentarios:

Publicar un comentario