sábado, 14 de octubre de 2023

E AÍNDA EMPEZA


  Levántome coa Alma entre tebras, teño a impresión de que pasei a noite pechado nunha gaiola de arames...

  Abro a fiestra e ollo o abrente do Val, semella tan amorriñado como a miña mente...

  Necesito máis que nunca dos consellos do merlo Amigo para rachar os arames que me teñen preso e atormentado, pero nas Brañas non se escoita seu canto...

  Pode que a razón esté da súa parte cando me di que non voa nen canta ata a primavera, que  a chuvia estropéalle a gravata e o traxe, e o frío o  gorxelo, que chegou o tempo no que ata o graxo voará baixo.

  Acicálome e saio a dar un tranquilo paseo pola beira do río tratando de convencer a Alma de que o que olla non é certo, que o amencer de hoxe nada ten que ver co que a mente pensa...

  Chámanlle outono os siquiatras, un mago cunha xaula por chistera e arames oxidados por vara, que camiña alleo aos sentimentos de moita xente...

  Espero atopar no horizonte as emocións que me axuden a eliminar a néboa da mente, abrir as alas i emprender voo ata as pólas máis altas, onde din que constrúen seus niños os soños...

  E AÍNDA EMPEZA...!!

  

  O Paraíso existe 



                                                                Xaquin Miguéns Ces

No hay comentarios:

Publicar un comentario