Tras unha restra de insultos e ameazas, colgoulle o teléfono e sen deixala falar. Premeu a rechamada e descubriu que a bloqueara. As náuseas provocadas polo ser que levaba dentro reforzaron a sensación de soidade. De regreso do xinecólogo, atopou o piso revolto, faltaban as poucas pertenzas del e os aforros dela. Déronlle ganas de chorar.
Non se consideraba crente, pero pronunciou unha oración. Agardaba que non se tivesen en conta as súas contradicións no día do Xuízo Final. Nunca planeara ser nai, prefería a súa vida nómade e festiva, sen ataduras e penosas responsabilidades que murchasen o seu corpo atlético e as súas ansias de aventura e liberdade. Porén, agora que confirmara o embarazo negábase a renunciar ao bebé, quería telo. El disentía. Referiuse á gozosa materialización da súa carga xenética como a un lastre, unha hipoteca e unha trampa. Iso lle dixo, non sen antes chamarlle hipócrita polo feito de participar en tantas campañas contra a violencia machista e as leis a prol do aborto. Non volvería a velo. Sabíao, aquela estratexia xa a utilizara antes con outra. Chorou polo sentimento de perda dun xoguete caro, tan guapo e divertido como egoísta e perigoso; chorou pola sensación de burladora burlada; chorou porque desde o primeiro bico sabía con exactitude como era el en realidade e, con todo, decidira amalo.
Secou as bágoas ca manga. Algún día, pensou, falaríalle á criatura do seu pai e quen era ela en realidade. Algún día, cando acadase a idade de comprender, contaríalle a historia de cando mamá era aínda unha nena e a avoa, embrazada de novo, lle revelou que ela estivo a piques de non nacer. Explicaríalle que os avós, decidiran voar a Londres como turistas e practicar a “operación” antes de que a xente percibise o volume do problema que crearan. A fortuna, boa ou mala, tirou os dados e fixo que a nerviosa parella se perdera no rueiro indescifrable dos suburbios da gran cidade. Cando deron ca clínica, o médico, ou carniceiro, ou o que fose, atopábase abrindo en canal a outra vítima do embarazo non desexado. Bastaron uns minutos na sala de espera para cambiar a súa decisión e o rumbo das súas vidas. Despois, para asegurarse, explicaríalle a ensinanza do conto: loitar por un dereito significa ter a posibilidade de escoller en liberdade.
No hay comentarios:
Publicar un comentario