lunes, 31 de julio de 2023

HUMILDADE...ATOPARNOS


  Cunha chuvia miudiña amenceu o día nas Brañas, xa o cantaba Rosalía...

   Sen ánimo de facer comparanzas, sería algo máis que un atrevemento dun vulgar picapedreiro, tamén a min me afecta nos miolos esta parrumeira, nen o verán está pola laboura de deixarme abrir as alas...

  Se, enriba, non se escoita o canto do merlo na aldea, se quero aledar as horas deberei votar man da memoria...

  Unha fotografía de Muxía que ollei onte, preciosa por  certo, non podía ser doutro xeito tratándose da Costa da Morte, troúxome o recordo da viaxe que fixen co meu Sol, e co merlo, por esas Terras de mar bravío e de boas xentes, nas que paga a pena perderse de vez en cando...

  E unha reflexion que me quedou gravada na  Alma cando no camiño de volta fixemos unha parada en Camelle, e que hoxe, mesmo o merliño non me acompañe co seu trino, espallo ao vento: Só dende a HUMILDADE poderás ser grande...

  Quen non é feliz con pouco xamais o será con moito, porque ese moito sempre vai parecerlle insuficiente...

  Man, o anacoreta de Camelle, un espíritu soñador e libre, foi un bo exemplo do que estou falando...

  Visitar na beira do mar a chabola na que vivía entre as rochas, ollar a súa obra, que mágoa ser destruída en gran parte polo Prestige, igual que súa Alma ata arrincarlle a vida a dentadas, observar o pouco que necesitaba, a renuncia a tódalas riquezas materiais para centrarse na felicidade do espíritu interiorizando as marabillas que a Natureza lle puña diante, fíxome ver que non é máis feliz quen máis ten, senón quen menos precisa...

  Un xeito especial de ollar a vida que semella non estar en boga.

  Costa da Morte, un Paraíso ao noso alcance...

  Perdernos nela, un bo xeito de ATOPARNOS a nós mesmos...!!

  

  O Paraíso existe 




                                                                       Xaquin Miguéns Ces

No hay comentarios:

Publicar un comentario